Vimos de publicar a segunda listaxe de persoas admitidas

Continúa o proceso de matrícula para o Campus de Verán XuvenCiencia 2021 e hoxe publicamos a listaxe da segunda convocatoria, logo de sortearse a prazas vacantes tras concluír a primeira fase. As e os admitidos disporán dun prazo ata o domingo 30 de maio ás 23.59 horas para formalizaren a súa matrícula. Unha vez rematado este prazo, se ficase algunha praza sen cubrir, volveríase facer un novo sorteo entre as persoas da listaxe de agarda, que tamén podedes consultar.

A aqueles e aquelas afortunadas que xa fixeron os trámites para se matricular no primeiro prazo quédalles agora imprimir e asinar o consentemento informado (a páxina 4 do PDF da solicitude que se xera no formulario online). No caso do alumnado menor de idade, a sinatura terá que ser das familias ou titores/as. Este documento asinado deberá ser entregado á chegada ao Campus.

Unha vez rematado o procedemento de matrícula será cando se adxudiquen os diferentes proxectos ofertados (dez + un obradoiro de medios). Na entrada ao Campus de Verán XuvenCiencia 2021, que se celebrará en Lugo (Campus da USC) do 28 de xuño ao 2 de xullo, recibirás o teu portanome coa información sobre o teu proxecto.