Ampliamos o prazo de preinscrición ata o 29 de maio

A metade das prazas do Campus de Verán XuvenCiencia 2022 adxudicaranse por orde de solicitude e a outra metade sortearanse para darlles máis opcións a aquelas persoas que teñen peor acceso a internet

Vimos de ampliar o prazo de preinscrición para o Campus de Verán XuvenCiencia 2022 ata o domingo 29 de maio. Así que podes facelo con calma na seguinte ligazón, pero tampouco podes despistarte se queres acceder a unha das 95 prazas que poñemos a disposición dos estudantes de 4º de ESO, 1º e 2º de BAC e ciclos medios de FP.

O Campus de Verán XuvenCiencia 2022 celebrarase no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. Será do 3 ao 9 de xullo e contempla estancia e pensión completa en residencias e comedores universitarios.

Reserva de praza

O Campus XuvenCiencia de Verán adoita esgotar as súas prazas en cuestión de minutos. Para aumentar as opcións daqueles/as aspirantes a xuvencientíficos que viven en áreas con peor cobertura de internet ou que o día no que abre a preinscrición, polo que sexa, non teñen acceso, nesta edición mantense a novidade incorporada o ano pasado.

“Adxudicaremos a metade das prazas na orde da recepción da preinscrición e a outra metade por sorteo entre todo o alumnado inscrito. Asignamos os proxectos seguindo as preferencias de cada un/unha seguindo unha orde aleatoria, non por orde de inscrición. Deste xeito aseguramos a todo o alumnado as mesmas oportunidades de optar aos seus proxectos preferidos”, explica Mercedes Novo, a coordinadora do Grupo XuvenCiencia.