Xa temos a primeira listaxe de persoas admitidas

XuvenCiencia vén de publicar a súa primeira listaxe de persoas admitidas para participar no Campus de Verán XuvenCiencia 2022, que se desenvolverá en Lugo (Campus Universitario da USC) do 3 ao 9 de xullo. Xa podes buscar os teus datos neste documento e formalizar a matrícula a través da web. Poderás facelo ata o domingo 5 de xuño (inclusive). Se quedan prazas vacantes, estade atentos/as ás publicacións da semana que vén, xa que as volveremos sortear de entre todas e todos os que esteades nestoutra listaxe de agarda.

A preinscrición para o Campus de Verán XuvenCiencia 2022 abriu o pasado 20 de maio, o #XuvenVenres. Neste Campus 2022 póñense a disposición un tota de 95 prazas, repartidas en 16 proxectos, para alumnado que veña de rematar 4º de ESO, 1º e 2º de BAC e ciclos medios de FP.  Nesta primeira relación de admitidas/os atendeuse á orde de preinscrición (a metade das prazas) e sorteouse a outra metade entre todas e todos os solicitantes, de xeito que tamén aqueles que viven en lugares con peor cobertura de internet ou que polo que for non puideron estar pendentes ás 15.30 horas do XuvenVenres tamén tivesen unha oportunidade.

A maioría das 120 solicitudes proceden de Galicia, pero tamén amigas e amigos de fóra de Galicia queren sumarse á familia XuvenCiencia.