O condutor do Efervesciencia da Radio Galega impartirá un obradoiro de divulgación e compartirá a xornada cos 95 adolescentes que afianzarán as súas vocacións nos centros da USC en Lugo
Sismoloxía, xenética, cociña molecular, fotosíntese artificial para obter enerxía, comunicación cientifica ou o cultivo de plantas in vitro son algúns dos proxectos ofertados nesta undécima edición
O Campus de Verán XuvenCiencia é unha cita afianzada no comezo do verán lugués, que recibirá por undécima edición a case un centenar de adolescentes de toda Galicia —e dalgunha provincia española—. Durante unha semana completa, esta rapazada que cursa cuarto de ESO, BAC e ciclos medios de FP terá a oportunidade de afianzar ou descubrir a súa vocación nas distintas facultades e centros de investigación do Campus de Lugo da USC. Para a xornada de apertura oficial, que terá lugar o luns 2 de xullo, poderán deixarse aconsellar por Manuel Vicente, un dos máis veteranos divulgadores científicos de Galicia e en lingua galega.
Manuel Vicente é doutor en Química e dirixe e presenta o espazo Efervesciencia da Radio Galega desde o ano 2006. Trátase dun programa para a divulgación e a difusión de cultura científica producido pola Universidade de Santiago e que ten recibido financiamento tanto da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) como da Axencia de Innovación de Galicia (GAIN). Asemade, o programa está dispoñible nos podcasts da Radio Galega e noutras plataformas. O luns dirixirase ao alumnado do Campus XuvenCiencia nunha breve intervención no acto de apertura oficial, que será na facultade de Veterinaria ás 13.00 horas, compartirá tamén o xantar co grupo e impartirá pola tarde un obradoiro con algúns trucos e recomendacións para contar a ciencia dun xeito que sexa eficaz e que manteña o interese do público.
Unha xincana para romper o xeo e coñecer o terreo
Os estudantes do XuvenCiencia 2023 terán chegado xa a Lugo na xornada do domingo, para aloxarse en residencias universitarias durante a semana na que transcorre o Campus, ata o sábado 8 de xullo, cando serán recollidos polas súas familias. Comezarán as actividades ás 10.00 horas do luns, cunha xincana con probas que deberán superar en grupos e na que se implica persoal de todos os centros do Campus de Lugo, así como de servizos como a Biblioteca e o Centro de Linguas Modernas. O premios desta xincana serán entregados durante o acto de inauguración oficial, ao que están convidadas as autoridades do Concello, a Deputación, a Xunta, da USC e tamén os patricinadores.
Un programa de monitorado específico e 50 docentes da USC
O Campus de Verán XuvenCiencia 2023 non só conta con case un cento de alumnado preuniversitario, senón que supón tamén un programa de voluntariado específico, deseñado por Fátima Teixeiro, a responsable da Oficina de Voluntariado do Campus de Lugo da USC, e que supón a formación de unha vintena de estudantes universitarios como monitorado. Asemade, arredor de 50 profesores/as e investigadores/as do Campus Terra participan como docentes nas ducias de actividades que se organizan.
O grupo de innovación docente XuvenCiencia organiza o Campus de Verán XuvenCiencia desde 2013, que enceta estes días a súa undécima edición. Práctica veterinaria, sismoloxía, xenética, cociña molecular, robótica ou comunicación científica son algúns contidos sobre os que versarán os 16 proxectos dispoñibles. Ademais, haberá obradoiros científicos e artísticos, visitas culturais e a centros tecnolóxicos, feiras, premios e, por suposto, festa.
As investigacións máis punteiras do Campus de Lugo
XuvenCiencia é un campamento para adolescentes interesados non só nos ámbitos que tradicionalmente se entenden como “de ciencias”, o biosanitario e o científico-tecnolóxico, senón tamén para mozas e mozos con inquedanzas polas ciencias sociais e humanidades. A escolma de proxectos que compón o Campus XuvenCiencia 2023 está baseada nalgunhas das investigacións máis punteiras que están vixentes no Campus de Lugo da USC, como as de peixe cebra como modelo animal para tratamento do cancro e doenzas raras ou a procura de novas fontes de enerxía mediante fotosíntese artificial. En cada proxecto traballará un grupo de cinco ou seis xuvencientíficos/as, que levarán adiante o seu traballo de campo nos mesmos laboratorios nos que o persoal investigador da USC desenvolve o seu quefacer diario, así como noutros centros de coñecemento como o Hospital Veterinario Rof Codina, o Museo Provincial e o Arquivo Histórico Provincial.
O Campus XuvenCiencia 2023 ofértase en réxime de aloxamento e pensión completa en residencias e comedores universitarios do Campus de Lugo. O estudantado estará acompañado en todo momento por monitorado cualificado e para os seráns e as noitiñas está previsto o programa Lumieira Acompaña, con propostas de lecer.
Proxectos dispoñibles no Campus XuvenCiencia 2023
5W Obradoiro de xornalismo. Coñeceranse os segredos da comunicación científica, crearanse contidos exclusivos para o Magacine XuvenCiencia. Os/as alumnos deste obradoiro serán os correspondentes oficiais do Campus de Verán XuvenCiencia 2023.
Análises clínicas: que me pasa, doutora? Coñecerase o valor das análises clínicas como ferramentas para valorar o estado de saúde dos animais e o diagnóstico das enfermidades. Como sabemos se un can ten unha anemia? En que se diferencian o sangue dos mamíferos e o das aves?
Animal CSI: realidade ou ficción? Aproximación a algunhas das técnicas empregadas nos laboratorios para determinar a causa de morte en animais, que ás veces causa grande interese social ou mediático: foi envelenamento? Falta de coidados? Hai risco para a saúde humana ou/e animal?
AquaLab. Sistema de monitorización ambiental con arduíno. Mediante hardware de fonte aberta arduino, e tamén sensores ambientais de baixo custe, as e os estudantes rexistrarán parámetros do noso medio ambiente: temperatura, humidade do aire, etc.
Árbores en tubos de ensaio. Como clonar unha árbore a partir dun fragmento minúsculo? Semella maxia, pero é ciencia. O cultivo in vitro permite obter copias de árbores xeneticamente idénticas en grandes cantidades nun tempo moi curto e nun espazo reducido.
Controla e adestra robots! Ensamblaranse pequenos robots e sistemas automatizados e o alumnado aprenderá a programar un microcontrolador para manexar os sensores destes pequenos robots.
Impresión 3D. Fai real o que imaxinas. O alumnado converterá unha idea nun obxecto real a través de modelado tridimensional mediante software de uso cotián no mundo da enxeñaría. Posteriormente procederase ao seu tratamento para a impresión 3D e obterase o produto imaxinado.
Veterinarias en apuros. Unha inmersión real no Hospital Veterinario Rof Codina. Atenderemos os nosos doentes, os animais, en consultas, traballaremos nun diagnóstico e seremos testemuñas do labor que fan cirurxiáns e anestesistas nos procedementos de quirófano.
Cociña molecular: ciencia e gastronomía nunha soa disciplina. Esferificación? Destilación a presión reducida? Nitróxeno líquido? Os mecanismos químicos permiten a creación de pratos extraordinarios chamados non só a satisfacer o sentido do gusto, senón tamén da vista, o olfacto e o tacto.
Fotosíntese artificial. Na procura de novas fontes enerxéticas. O obxectivo deste proxecto reside en descompoñer auga tanto por vía fotoquímica como electrolítica. Desde xeito procurarase remedar nun laboratorio un proceso natural como é a fotosíntese.
Supera este reto! Educando con ciencia. Pensas dedicarte á docencia? Neste proxecto experimentarás con distintos recursos e metodoloxías: dramatizacións, retos motores para a cooperación e a estratexia colaborativa, prácticas para sacar a ciencia dos libros de texto e resolución de problemas.
Cultura accesible a golpe de clic. Como lles contarías a outras persoas o interesantes que son os teus libros favoritos? Sábelo todo desa serie de televisión e daquel artista e desa cantante, pero de que xeito llo farías entender a outros/as? Este proxecto levarate ao Museo Provincial de Lugo para converterte nunha experta/o en divulgación cultural grazas ás ferramentas narrativas ao noso dispor.
Facer ciencia coas letras. Os arquivos lévanlle moitos séculos de anticipo ao big data como fonte de coñecemento. Como se da sección de libros prohibidos de Hogwarts se tratase, aprenderás a abordar documentación antiga para facer unha investigación histórica e mergullarte nos rexistros criminais dos séculos pasado para reconstruír casos sen resolver.
Patóxenos animais: na procura dos malos. Bacterias e virus causan moitas doenzas. Neste proxecto aprenderanse algunhas das técnicas para o diagnóstico de enfermidades infecciosas: cultivo de bacterias, observación baixo o microscopio, antibiogramas e bioloxía molecular.
Ferramentas ADN: unha cebra na auga e DNI xenético. O peixe cebra converteuse nun organismo modelo para a experimentación en áreas como a biomedicina. O alumnado deste proxecto realizará as técnicas moleculares e as análises necesarias par resolver casos reais de probas de paternidade en animais.
Fai tremer os teus cimentos. É posible que unha construción estea feita a proba de terremotos? En XuvenCiencia poderás deseñar e construír unha mesa vibratoria 1D controlada por hardware libre e que permita aplicar sobre maquetas ondas de diferentes tipos, para ver como responde, e analizar o seu comportamento en caso de que se producise un sismo.