O Campus de Verán XuvenCiencia regresa a Lugo do 30 de xuño ao 6 de xullo

A duodécima edición do campamento ofrecerá proxectos tanto de ciencia experimental e biosanitarios como de ciencias sociais e humanísticos para adolescentes de 3º de ESO, 4º de ESO, BAC e ciclos medios de FP. As preinscricións abren o 3 de maio ás 15.30 horas

Regresa o Campus de Verán XuvenCiencia para unha duodécima edición que se celebrará, como sempre, no Campus de Lugo da USC, entre o 30 de xuño e o 6 de xullo de 2024. XuvenCiencia ofertará un total de 95 prazas en réxime de aloxamento e pensión completa para alumnado de terceiro e cuarto curso de ESO, Bacharelato e ciclos medios de Formación Profesional.

A preinscrición para facerse cunha das prazas abrirase o venres 3 de maio ás 15.30 horas. A aplicación estará dispoñible durante unha semana, xa que a metade das prazas serán adxudicadas por orde de preinscrición e a outra metade será sorteada entre todas as persoas que teñan feito a solicitude.

Ao igual que nos últimos anos, o Campus de Verán XuvenCiencia incluirá obradoiros, visitas a centros de investigación do Campus de Lugo da USC e da contorna da cidade e tamén actividades de lecer. Asemade, o alumnado poderá elixir entre proxectos de tipo biosanitario, científico experimental, de ciencias sociais e humanidades, nos que se achegarán ao día a día da investigación académica que se realiza na Universidade de Santiago.

Estade cun ollo sobre a nosa web e as nosas redes sociais que nos vindeiros días iremos actualizando toda a información de interese sobre os proxectos e o programa do Campus XuvenCiencia 2024!!!!