O Campus de Verán XuvenCiencia 2026 oferta 95 prazas para alumnado de 3º e 4º de ESO, BAC e ciclos medios de FP e abre a súa inscrición o venres 8 ás 15:30 horas

O campamento celebrarase no Campus de Lugo da USC do 28 de xuño ao 4 de xullo. Como novidades, estréanse proxectos sobre o comportamento das vacas e un laboratorio de decisión de compra alimentaria, que se suman a unha oferta que permite clonar árbores, mergullarse nas tripas dun arquivo ou iniciarse na veterinaria clínica

O Campus de Verán XuvenCiencia celebrará a súa décima cuarta edición entre o 28 de xuño e o 4 de xullo de 2026. Será, coma sempre, no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC). As inscricións para XuvenCiencia 2026 comezan este venres, 8 de maio, e poderán realizalas mozas e mozos de ata 19 anos de terceiro e cuarto curso da ESO, Bacharelato e ciclos medios de Formación Profesional, ata completarse un total de 95 prazas en réxime de aloxamento e pensión completa en residencias e comedores universitarios.

A preinscrición abrirase este venres ás 15:30 horas na páxina web de XuvenCiencia e permanecerá dispoñible ata o vindeiro domingo 17 de maio. Das 95 prazas ofertadas, a metade serán adxudicadas por orde de inscrición, mentres que a outra metade será distribuída mediante sorteo entre todas as persoas preinscritas, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades.

Como en anos anteriores, o programa incluirá obradoiros prácticos, visitas a centros de investigación da USC en Lugo e doutros puntos da contorna, así como diversas actividades deportivas e de ocio. O estudantado estará acompañado en todo momento por monitorado cualificado e para os seráns e para as noitiñas está previsto o programa Lumieira Acompaña, con propostas de lecer.

Os participantes poderán escoller entre diferentes proxectos relacionados coas áreas biosanitaria, científica experimental, de ciencias sociais e de humanidades, que se desenvolverán coa guía de persoal docente e investigador e en diferentes centros, laboratorios e espazos do Campus de Lugo da USC.

Como principal novidade desta edición, o programa incorpora dous novos proxectos que amplían a oferta temática do campus. Por unha banda, O que ves, o que elixes propón unha aproximación práctica aos mecanismos da percepción e aos procesos de toma de decisións, explorando como o cerebro interpreta os estímulos visuais e como estes condicionan as eleccións que realizamos no día a día. Pola outra, CowTalk: descubrindo as emocións e o comportamento das vacas achega o alumnado ao ámbito da etoloxía e do benestar animal, afondando no estudo do comportamento do gando vacún e nas formas de interpretar sinais relacionados co seu estado emocional e coas interaccións co medio e cos seres humanos.

Proxectos dispoñibles no Campus XuvenCiencia 2026

5W Obradoiro de xornalismo. Coñeceranse os segredos da comunicación científica e crearanse contidos para o Magazine XuvenCiencia. Os xuvenxornalistas serán os correspondentes oficiais do campus.

Análises clínicas: que me pasa, doutora? Coñecerase o valor das análises clínicas como ferramentas para valorar o estado de saúde dos animais e o diagnóstico das enfermidades.

Animal CSI: realidade ou ficción? Aproximación a algunhas das técnicas empregadas nos laboratorios para determinar a causa de morte en animais.

AquaLab. Sistema de monitorización ambiental con arduíno. Mediante hardware libre e sensores ambientais de baixo custo, o alumnado rexistrará parámetros do medio ambiente, como temperatura ou humidade.

Árbores en tubos de ensaio. O cultivo in vitro permitirá obter copias de árbores xeneticamente idénticas a partir de fragmentos vexetais.

Controla e compite cun robot de sumo! Contrúe, programa e domina o anel de sumo! Introdución á electrónica, programación e control automático mediante a construción de robots.

O que ves, o que elixes. Laboratorio de decisión de compra alimentaria. Este novo proxecto afonda na percepción visual e nos procesos de toma de decisións na compra de produtos alimentarios.

Veterinarias en apuros. Inmersión no Hospital Veterinario Rof Codina, participando en consultas, diagnósticos e procedementos clínicos.

CowTalk: descubrindo as emocións e o comportamento das vacas. Nova proposta centrada na etoloxía e no benestar animal a través do estudo do comportamento bovino.

Fotosíntese artificial. Procura de novas fontes enerxéticas mediante a descomposición da auga por vías fotoquímicas e electrolíticas.

Supera este reto! Educando con ciencia. Experimentación con metodoloxías educativas innovadoras baseadas en retos e aprendizaxe activa.

Enfermaría, farmacia e medicina: traballando pola nosa saúde. Aprendizaxe de constantes vitais, probas diagnósticas e técnicas básicas sanitarias.

Fai ciencia coas letras. Investigación histórica a partir de documentación de arquivo para reconstruír casos reais.

Patóxenos animais: na procura dos malos. Estudo de bacterias e virus e das técnicas de diagnóstico de enfermidades infecciosas.

Ferramentas ADN: unha cebra na auga e DNI xenético. Aplicación de técnicas de bioloxía molecular para resolver casos de identificación xenética en animais.

Fai tremer os teus cimentos. Deseño de estruturas e análise do seu comportamento fronte a simulacións sísmicas.

Visitas e obradoiros complementarios

A programación complétase cunha oferta renovada de actividades de tarde, entre as que se inclúen propostas como o achegamento aos ecosistemas fluviais e bosques de ribeira, a experimentación coa comunicación mediante fibra óptica, un obradoiro de arqueoloxía con visita guiada ao Museo Universitario da Domus do Mitreo e unha actividade de cianotipía que combina química e creación artística e permite crear fotografías sen cámara. Asemade, o alumnado do Campus de Verán XuvenCiencia 2026 terá a oportunidade de coñecer o Hospital Rof Codina ou a Aula de Habilidades Clínicas da facultade de Veterinaria, achegarse ás tecnoloxías do futuro da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría grazas á XuvenFeira, experimentar co teatro físico e a danza, iniciarse en rutinas cardiosaudables grazas ás dinámicas da enfermaría ou coñecer o centro histórico da cidade de Lugo.

Para máis información sobre o proceso de inscrición, matrícula e o funcionamento do campamento, pódese consultar a páxina web oficial de XuvenCiencia.