Río arriba, río abaixo

Obxectivo
Achegarémonos aos cursos fluviais como ecosistemas singulares e tamén como corredores de historia e cultura.
Lugar de realización
Cidade de Lugo
Descrición
Propomos tomar os ríos de Lugo como carreiros polos que transitar a cidade e a súa contorna. Aspiramos a que, alén do natural, o roteiro permita entender os cursos fluviais e as súas orelas como lugares tinxidos de significados culturais e de memoria histórica. Os ríos serán o eixo que nos permitirá achegarnos a cuestións tan relevantes como o patrimonio e a alimentación ou ao urbanismo e a paisaxe cultural. E faremos a andaina movéndonos desde o noso presente máis inmediato ata un pasado que, como se demostrará, deixou fondas pegadas e forma parte do noso acervo cultural. Asemade, no percorrido pola beira do río Rato e polo paseo do Miño teremos oportunidade de coñecer e aprender a identificar especies arbóreas típicas da vexetación de ribeira, como os amieiros, os freixos ou os salgueiros. Preto das beiras do Rato tamén poderemos observar exemplares plantados de tileiros e sobreiras. Será una boa oportunidade para coñecer a flora acuática, como as espadanas (Typha, Sparganium, Carex pendula), ou o manto branco das flores dos ranúnculos sobre o leito do río. Seguindo a ruta do Rato, poderemos ver tamén diversos tipos de fentos, dende os máis comúns, como o fento macho (Dryopteris filix-mas) ou o fento femia (Athyrium filix-femina) ata fentos doutros xéneros (Polystichum, Blechnum), de grande interese ecolóxico.