A11 Obradoiros no HULA

Obxectivo
Nestes obradoiros ides visitar o Hospital Universitario Lucus Augusti e enfrentarvos a dous retos apaixoantes, por unha parte realizar unha reanimación cardiopulmonar (RCP) e por outra preparar unha mistura de medicamentos para infundir a un paciente.
Lugar de realización
Edificio CACTUS
Descrición
O recoñecemento precoz da parada cardíaca e o soporte vital básico salvan moitas vidas. Por iso, é fundamental que todos poidamos recoñecer unha parada cardíaca e saibamos o que debemos facer nestas situacións, no que se coñece como cadea de supervivencia. Para o desenvolvemento desta actividade empregaranse pantasmas (maniquís) que permiten a aprendizaxe da técnica para realizar compresións torácicas de calidade. Ademais, grazas aos dispositivos de medición da calidade da RCP, darase feedback individualizado a cada un dos asistentes.
Tamén ides ter a oportunidade de ver que unha farmacia dun hospital non é un almacén xigante de medicamentos, senón un servizo cunha loxística punteira que nos permite alcanzar as necesidades terapéuticas dos doentes a través da fabricación dos medicamentos e a adaptación daqueles que nos proporciona a industria farmacéutica a situacións concretas. Ademais dunha visita guiada polo servizo presenciando diversas actividades demostrativas, levaredes a cabo unha actividade práctica que consistirá na preparación dunha mistura de medicamentos introducida nun infusor elastomérico.