P11 Supera este reto! Educando con ciencia

Como podemos ensinar e aprender máis alá do libro de texto e das rutinas tradicionais? Neste proxecto experimentarás de forma vivencial con distintas metodoloxías e recursos baixo a batuta de docentes de varias disciplinas do ámbito das Didácticas Aplicadas.
Ao longo do proxecto abordaranse distintos eidos de coñecemento. Nun deles resolverás retos motores nos que o éxito dependerá da colaboración entre as participantes e os participantes para indagar, compartir estratexias, poñelas a proba e chegar a unha solución, desde unha óptica de aprendizaxe cooperativa na que se busca que as e os participantes “aprendan a cooperar” e “cooperen para aprender”. Trátase de estratexias innovadoras que se poderían aplicar nunha clase de educación física.
Outra das experiencias centrarase nas ciencias. Unha boa maneira de aprender ciencias é facer de científica, polo que se experimentará con prácticas científicas no laboratorio e no exterior que se poderían trasladar a unha aula de educación primaria ou secundaria. Estas actividades pretenden ilustrar como “sacar a ciencia dos libros de texto”.
Así mesmo, traballarase o ámbito das matemáticas. Aínda que a miúdo se perciben como abstractas, en moitas ocasións podemos empregar modelos concretos que axuden a visualizalas, a ensinalas, a aprendelas… e a ¡querelas! Para isto experimentarase coa robótica educativa como unha vía para traballar procesos e contidos matemáticos en contexto.