P08 Veterinarias en apuros

Obxectivo
Este proxecto pretende facer unha inmersión total na vida diaria dun hospital veterinario e participar en cada unha das actividades que facemos no día a día.
Lugar de realización
Hospital veterinario Rof Codina (USC)
Descrición

Un hospital veterinario é un centro onde se realizan múltiples actividades, e todas van encamiñadas a manter a saúde dos nosos pacientes, os animais.

Neste proxecto faremos unha inmersión total na vida diaria dun hospital veterinario, participando en cada unha das actividades que día a día levamos a cabo. Ser veterinario especialista atendendo en consultas aos pacientes de medicina interna para realizar todas aquelas probas que precisen, ou participar como anestesista ou cirurxián nun procedemento cirúrxico serán algunhas das actividades nas que vos implicaredes de cheo.

Ademais, todo paciente require un diagnóstico, e para iso o laboratorio clínico é unha das partes esenciais nas que tamén traballaredes para poder coñecer que lle pasa aos nosos pacientes, así como descubrir como se elixen e preparan os tratamentos que axudan aos animais a recuperarse. Ademais, teredes a oportunidade de achegarvos ao servizo de équidos, onde poderedes coñecer de preto como se traballa cos cabalos e descubrir as súas particularidades, unha experiencia diferente dentro do hospital.

Queredes vivir esta experiencia con nós? Aquí vos esperamos para vivir o día a día dun hospital veterinario... e algún que outro apuro.

Palabras chave
Servizos clínicos veterinarios, consultas médicas, cirurxía, análise clínica, diagnóstico