O instituto Xesús Taboada Chivite de Verín emprega o kit de xestión sustentable da auga de XuvenCiencia co seu alumnado de Tecnoloxía e Enxeñaría
AquaLab é un kit de experimentación científica deseñado polo grupo de innovación docente XuvenCiencia, do Campus de Lugo da USC, ideado por profesorado da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. O seu propósito principal é a xestión sustentable da auga e dos recursos hídricos. O proxecto Convivio de Ciencia de XunvenCiencia, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) e que conta coa colaboración Servizo de Formación do Profesorado, CAFI e CFRs da Xunta de Galicia, chegou este curso a institutos de toda Galicia. Un destes institutos é o Xesús Taboada Chivite de Verín, cuxa profesora Ana Doval Barreiros imparte, entre outras materias, Tecnoloxía e Enxeñaría en Bacharelato.
AquaLab usa hardware de fonte libre como é arduíno, que permite a programación dun microcontrolador para rexistrar datos da nosa contorna, como a temperatura do aire ou a humidade.
Co material deste kit preténdese realizar un balance hídrico moi sinxelo dun solo nun tarro, para concienciar así o alumnado sobre a xestión e aforro da auga en distintas contornas (no fogar, na industria, etc.). A estimación dos elementos do balance hídrico é unha parte fundamental para conseguir un uso sustentable da auga. Nos currículos educativos de ensino medio recóllense distintos aspectos relacionados coa auga, a súa xestión e consumo responsable; pero tamén é necesario o desenvolvemento de tecnoloxías baratas que lle permitan á poboación implicarse no aforro do consumo. Sobre todo, no contexto actual de cambio climático e quecemento global.
A profesora Ana Doval Barreiros explícanos como foi a súa aproximación ao kit AquaLab de XuvenCiencia:
A miña opinión sobre o kit é que o curso de formación estivo xenial, e o kit tamén está moi ben; vouno empregar para o ano co alumnado de segundo de Bacharelato en Tecnoloxía e Enxeñería.
Este ano tiven unicamente primeiro de Bacharelato de Tecnoloxía e empezamos a programar con arduíno. Como o programa do kit é algo complicado para o seu nivel, e na materia de Tecnoloxía e Enxeñaría traballamos a programación, non vin claro que só tomaran medidas co sensor de humidade sen entender o programa. Só tiven tiven 7 alumnos en primeiro de Bacharelato que non cursaran Tecnoloxía en cuarto de ESO, así que tiven que poñelos ao día en moitos contidos que non tiñan traballado e foi imposible poñer en práctica o kit.
Agora que xa manexan o arduíno, para o curso que vén si que traballaremos coas actividades do AquaLab.
AquaLab é un kit ideado por profesorado e persoal investigador da área de Enxeñaría Agroforestal do Campus de Lugo da USC e está orientado ao traballo nas materias de Tecnoloxía, Bioloxía, Xeoloxía, Ciencias da Terra e do Medio Ambiente no ensino medio, sobre todo nos niveis postobrigatorios.