Docentes de ESO, BAC e FP de toda Galicia acoden esta fin de semana a Lugo para unha innovadora actividade formativa impulsada polo grupo de innovación docente XuvenCiencia coa colaboración da FECYT e dos CFR da Xunta
Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional das catro provincias galegas sumarase este venres ao primeiro campus para docentes organizado polo equipo de XuvenCiencia, unha marca ligada desde hai dez anos a exitosos campus de verán científicos para adolescentes que se celebran no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. Este campus para profesorado desenvolverase este venres e este sábado, 14 e 15 de outubro, respectivamente, nas instalacións da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra, coa participación de 45 docentes preuniversitarios.
O proxecto Convivio de Ciencia vén de recibir o respaldo da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación na convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación.
Convivio de Ciencia conleva varias accións e a primeira delas é o Campus Convivio. Para esta primeira actividade inscribíronse ata 45 docentes. A maior parte deles (máis de vinte) proceden de diferentes centros da provincia de Lugo, mais tamén participa profesorado do resto do territorio galego. O 72% das persoas matriculadas neste Campus Convivio son mulleres.
Ao igual que nas últimas edicións do campus para a rapazada, os docentes preuniversitarios mergullaranse nun proxecto a partir dun dos sete kits de experimentación XuvenCiencia da súa escolla. Este Campus Convivio impártese a través do Programa de Formación Permanente que lle ofrecen os Centros de Formación e Recursos (CFR) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ao profesorado de ensino medio de toda Galicia. Ofertarase aloxamento para o profesorado non residente en Lugo e manutención para todos os docentes.
As persoas participantes recibirán un kit XuvenCiencia para o seu centro
O profesorado preuniversitario participante no Campus Convivio, ademais da formación en metodoloxía investigadora recibirá o kit da súa escolla para o seu centro. Polas súas características, os kits de XuvenCiencia poden ser útiles para a impartición de materias de ESO, BAC e FP básica, ciclos medios e superiores das áreas de Agricultura e Gandería, Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, Bioloxía vexetal e animal, Biotecnoloxía, Ciencia e tecnoloxía dos alimentos, Ciencias da Terra, Ciencias Sociais, Linguas e Filosofía, Física e Ciencias do Espazo, Historia, Arte e Arqueoloxía, Enxeñería, Innovación, Medicina, Fisioloxía e Farmacoloxía, Medio e ecoloxía, Novas tecnoloxías e Química. Ademais, as prestacións dos kits resultan tamén acaídas para STEMBach e clubs de ciencias e para tratar aspectos educativos transversais.
O método científico e a práctica investigadora na aula, metodoloxías e ferramentas para a realización de proxectos de investigación e metodoloxías e ferramentas para a presentación de estudos científicos serán os tres principais bloques de contidos do Campus Convivio, que computará como unha actividade de 12 horas presenciais máis 7 non presenciais, segundo o programa que podedes consultar neste documento.