Os grupos dos proxectos DNA Meat e AquaLab celebraron xa as súas primeiras reunións telemáticas informais
Cando lle presentabamos hai uns meses a memoria deste proxecto Convivio de Ciencia á FECYT, indicabamos a nosa vontade de sustentar o seu desenvolvemento nunha estratexia de Cafés Convivio, que nos axudasen a crear a Rede Convivio de ensino galego para a ciencia.
A resolución da FECYT louvou o grao de innovación da nosa proposta, que procura que manter o contacto non sexa só unha responsabilidade, senón tamén un xeito de manter o contacto e enriquecer a comunidade que pretendemos que nos axudedes a levar adiante a través do Convivio de Ciencia.
Os profesores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC Jorge Dafonte, Montse Valcárcel e Miguel Anxo González celebraron o pasado día 2 de novembro o seu Café Convivio cos docentes de ensino medio no grupo do kit AquaLab de XuvenCiencia. Pola súa banda, Manel Vera, profesor sa área de Xenética da Facultade de Veterinaria dos Campus de Lugo da USC, dirixiu o encontro telemático do equipo do kit DNA Meat nunha sesión que se celebrou o día 8 de novembro.
Os Cafés Convivio están inspirados nos denominados lean coffee (cafés áxiles, en inglés) e están concibidos como reunións semiestruturadas, cuxos contidos van mudando en función das inquedanzas ou necesidades que lle xordan a cadaquén no momento de comezar a experimentar cos seus kits nas aulas de ESO, BAC e FP.
Onde e como comezaron os lean coffee?
Os lean coffee comezaron en Seattle (EE.UU.) en 2009. Jim Benson e Jeremy Lightsmith querían crear un grupo que discutise as técnicas ‘lean’ ou áxiles no eido do coñecemento, pero non querían crear unha nueva organización farragosa con comités de dirección, relatorías e demais. Querían un grupo que non dependese de nada máis que de que a xente se presentase e quixese aprender ou crear.
Agora, o Seattle Lean Coffee celébrase todas as semanas, é moi popular e só require que se presente alguén que teña estado alí primeiro (Leancoffee.org).
Como funcionan os lean coffee?
O formato dun lean coffee é moi sinxelo. Isto é así á mantenta. Pretende ser a mínima estrutura necesaria para unha reunión coherente e produtiva. Nada máis, nada menos (Leancoffee.org).
Un comentario en «Comezamos os Cafés Convivio, a aproximación de XuvenCiencia aos ‘lean coffee’»
Pingback: Como vai ese frotis? – Magacine Convivio