O equipo do Convivio de Ciencia que empezou a traballar co kit Vitroplant de XuvenCiencia nos seus institutos amosa como levan adiante as primeiras actividades do proceso para a produción vexetal in vitro
Vitroplant foi o primeiro kit de experimentación desenvolvido desde XuvenCiencia, polo profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC Juan Luis Lorenzo.
O kit Vitroplant permite realizar actividades relacionadas co cultivo in vitro de árbores, que poden levarse a cabo na aula ou no laboratorio. Consta basicamente de cultivos in vitro de varias especies arbóreas, en fase de multiplicación –o que tamén resulta moi útil para a materia de matemáticas– ou de enraizamento in vitro, e de outros materiais para levar a cabo a aclimatación dos cultivos.
As actividades propostas están pensadas para que os profesores poidan levalas a cabo de forma autónoma co seu alumnado, aínda que existe un seguimento permanente por parte dos responsables do proxecto na USC. Para orientar e supervisar o labor nos institutos, os profes reuníronse no seu primeiro Café Convivio coa investigadora doutoral Ana Couso Viana.
As actividades propostas por Vitroplant están dirixidas ás materias de Bioloxía, Ciencias Medioambientais, Ciencias da Terra, Produción e Repoboación Forestal, Sanidade Vexetal e tamén para os clubs de ciencias dos colexios e institutos.