O V Congreso Científico da Montaña, celebrado os días 15 e 16 de xuño de 2023 no Courel, serviu para presentar algunhas das propostas máis interesantes do proxecto Convivio de Ciencia, como esta impresora braille que proxectou alumado do IES O Couto de Ourense.
Lemos o que nos conta este grupo de segundo curso de ESO que se implicou nesta proposta:
O noso proxecto pretende transformar a impresora 3D do noso instituto nunha impresora braille. Con isto queremos facer un centro máis accesible a partir de ferramentas que xa temos. As impresoras braille e outras máquinas que se empregan para escribir neste alfabeto, como a máquina Perkins, son demasiado caras para nós e para o alumnado con menos recursos.
Para levar a cabo o noso proxecto organizámonos en tres grupos especializados: investigación, programación e materiais. Desenvolvendo este proxecto, conseguimos saber como funciona o braille, programamos o alfabeto en GCODE e algunha palabra, e preparamos un prototipo para modificar a impresora 3D e poder facer os puntos no papel.
Podedes ver o póster a tamaño completo na seguinte ligazón.
Convivio de Ciencia é un proxecto desenvolvido polo grupo de innovación docente XuvenCiencia de Lugo, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) e que conta coa colaboración da Xunta.