Convivio de Ciencia conleva varias accións e a primeira delas é o Campus Convivio, que será presencial e que se celebra en outro de 2022 no Campus de Lugo en tres sesións: o venres 14 pola tarde e o sábado 15 pola mañá e pola tarde. Este campus para profesorado está inspirado na experiencia de organizar durante dez anos campus científicos polos que teñen pasado máis dun milleiro de adolescentes de Galicia, España e Portugal. Neste caso, ao igual que nas últimas edicións do campus para a rapazada, os docentes preuniversitarios mergullaranse nun proxecto a partir dun dos sete kits de experimentación XuvenCiencia da súa escolla.
O proxecto Convivio de Ciencia contempla, asemade, a creación dunha Rede Convivio, unha rede de cultura científica integrada polos institutos e colexios dos docentes participantes, que terán o cometido de deseñar un proxecto co seu alumnado a partir da formación recibida no Campus Convivio e empregando o kit XuvenCiencia como ferramenta. Os mellores destes proxectos serán presentados nun simposio que se celebrará en Lugo na primavera de 2023. Ata chegar a ese congreso, a Rede Convivio manterase viva grazas á celebración de Cafés Convivio mensuais, unhas reunións informais e telemáticas á imaxe dos lean coffees, que servirán non só para que os responsables de XuvenCiencia fagan titorías virtuais cos equipos creados nos institutos, senón tamén para manter o contacto e a comunidade.
O Magacine Convivio, unha revista científica virtual na que se irán expoñendo as investigacións, o desenvolvemento do proxecto e os seus resultados, será a cuarta parta deste proxecto Convivio de Ciencia. O alumnado poderá ver como os seus proxectos son postos en valor e tidos en conta, ao ser publicados nunha web en aberto, para a comunidade educativa e o gran público, e poder optar a presentalos en vivo no simposio da Rede Convivio e ser premiados/as polo seu esforzo e creatividade.