O profesorado preuniversitario participante no Campus Convivio, ademais da formación en metodoloxía investigadora recibirá o kit da súa escolla para o seu centro. Polas súas características, os kits de XuvenCiencia poden ser útiles para a impartición de materias de ESO, BAC e FP básica, ciclos medios e superiores das áreas de Agricultura e Gandería, Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, Bioloxía vexetal e animal, Biotecnoloxía, Ciencia e tecnoloxía dos alimentos, Ciencias da Terra, Ciencias Sociais, Linguas e Filosofía, Física e Ciencias do Espazo, Historia, Arte e Arqueoloxía, Enxeñería, Innovación, Medicina, Fisioloxía e Farmacoloxía, Medio e ecoloxía, Novas tecnoloxías e Química. Ademais, as prestacións dos kits resultan tamén acaídas para STEMBach e clubs de ciencias e para tratar aspectos educativos transversais.
Aos/as estudantes que se vexan implicados polo seu profesorado en Convivio de Ciencia ofreceráselles a oportunidade de desenvolver en equipo, xunto aos seus compañeiros/as, un proxecto de indagación enraizado na contorna na que viven grazas aos kits XuvenCiencia: o kit DNA-MEAT determina se unha carne é de porco ou tenreira mediante un test xenético e o kit Fotometrix detecta a cantidade de proteína do leite a partir da técnica de Lowry, por exemplo; o kit Vitroplant axuda a comprender o proceso da recuperación de bosques de frondosas, mentres que AquaLab monitoriza variables ambientais para unha xestión sostible da auga e Animal CSI ofrece destrezas para abordar a saúde dos animais. O kit Photonics Explorer dá conta das amplas aplicacións das tecnoloxías da luz en comunicación e investigación da contorna. E o kit RescueMe visibiliza a aplicación da metodoloxía científica ás ciencias sociais e humanidades e, en concreto, á recollida da memoria.