Ciencia á Feira
Ciencia á Feira acerca la ciencia y la tecnología a los ayuntamientos de Galicia mediante charlas y talleres en ferias, centros educativos y asociaciones, un evento central trimestral y material audiovisual disponible en línea.
Que?
Ciencia á Feira é un proxecto interxeracional e comunitario de divulgación científica que achega a ciencia e a tecnoloxía á cidadanía aproveitando estruturas fortemente asentadas no medio rural, como as escolas, os concellos, as asociacións e as feiras, espazos tradicionais de encontro, socialización e intercambio de coñecemento.
Nesta edición, o proxecto combina faladoiros e obradoiros presenciais, actividades en centros educativos, asociacións e feiras, eventos centrais trimestrais e a creación de materiais audiovisuais dispoñibles en liña, co obxectivo de ampliar o alcance das actividades e facilitar o acceso aos contidos científicos desde diferentes contornas e para públicos de todas as idades.
Durante o curso 2026/2027, Ciencia á Feira incorpora tres novas temáticas: Alzhéimer: coñecer para previr e acompañar, Soberanía alimentaria: utopía ou realidade? e Incendios forestais: impacto e solucións. Estas súmanse aos contidos desenvolvidos nas edicións anteriores, que continuarán dispoñibles na web e nas redes sociais de XuvenCiencia.
As actividades e materiais son desenvolvidos por persoal investigador e docente do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, co propósito de achegar á sociedade cuestións científicas de actualidade e de especial interese para Galicia e, particularmente, para o medio rural
Novas temáticas:
Alzhéimer: coñecer para previr e acompañar.
O alzhéimer é unha doenza que afecta á memoria e a outras capacidades cognitivas, cun importante impacto tanto nas persoas afectadas como na súa contorna. Nesta temática abordarase que é a enfermidade, a importancia do diagnóstico precoz, os hábitos saudables e os avances na súa detección e tratamento desenvolvidos no Campus de Lugo da USC.
Soberanía alimentaria: utopía ou realidade?
Pode Galicia alimentarse a si mesma? Esta temática propón reflexionar sobre a posibilidade de manter unha alimentación saudable a partir dos alimentos producidos no noso territorio, relacionando a produción local coa saúde, a sustentabilidade e a economía.
Incendios forestais: impacto e solucións
Os incendios forestais teñen unha gran pegada en Galicia, afectando á biodiversidade, á economía e ás comunidades humanas. Nesta temática analizarase especialmente como o lume provoca a perda de solo e por que este é un elemento fundamental para a recuperación das zonas queimadas.
Edicións anteriores de Ciencia á Feira:
Enfermidades transmitidas por carrachas, coñecelas é a chave para previlas.
Explicaranse doenzas causadas polas carrachas cuxa incidencia resulta crecente na provincia de Lugo, como a enfermidade de Lyme, e describirase cando e onde son máis frecuentes, así como un protocolo correcto para a extracción, medidas de prevención e como actuar unha vez que se produciu a picada.
Xestión sustentable da auga
O ciclo da auga, a pegada hídrica e como se xestiona a auga en Galicia serán os contidos incluídos nos materiais audiovisuais, nos que se darán a coñecer modelos racionais de xestión de auga doméstica e de que xeito se pode realizar esa xestión.
Micorrizas e (micro)enxertos, ferramentas de produción vexetal.
A utilidade histórica dos enxertos para a produción de froitos nas árbores e o concepto de micorriza e a súa función serán explicados de xeito sinxelo. Ademais, visualizaremos un microenxerto in vitro de castiñeiro empregando como patrón un híbrido resistente á enfermidade da tinta que afecta a esta árbore.
A guerra contra as superbacterias.
A resistencia aos antibióticos é unha das maiores ameazas para a saúde global que compromete a seguridade dos alimentos. Capturamos estas bacterias para poñelas baixo o microscopio e achegaremos pautas para loitar contra elas «dende a granxa ata a mesa».
As velutinas e nós.
Poñémoslles un cento de nomes coloquiais. As avespas asiáticas levan xa un tempo entre nós. Ameazan actividades agrarias e outros insectos, pero sabemos o seu impacto? Como as identificamos e que facemos se atopamos exemplares ou niños de velutinas?
Mercados de carbono.
Os bosques teñen un poder case que descoñecido que é a súa función como sumidoiros de carbono. Isto supón un activo importantísimo na loita contra o efecto invernadoiro e o cambio climático e representa unha oportunidade para o sector forestal.
O monte é noso.
Máis dunha quinta parte do territorio galego son montes veciñais en man común. É moi posible que na túa contorna haxa unha comunidade. Malia iso, seguen a ser un tipo de propiedade moi descoñecida. Adentrámonos nas características que a fan particular e nas condicións que definen a súa xestión.
Mulleres STEM.
Por que o estereotipo dunha persoa científica é un home branco de mediana idade, con bata branca e despeiteado? Abordamos os nosos prexuízos de xénero para demostrar que non hai campo do coñecemento que sexa alleo ás mulleres.
Quen?
XuvenCiencia é un grupo interdisciplinario de innovación docente, no que se integra profesorado das distintas facultades e escolas do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.
Ciencia á Feira 2026/2027 é un proxecto incluído na convocatoria de fomento das vocacións científicas da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e conta tamén co financiamento da Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Os materias e actividades son preparados e supervisados por persoal investigador e docente do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración das entidades participantes nesta edición.»
Onde?
Ciencia á Feira desenvolve as súas actividades en diferentes espazos do territorio, achegando a divulgación científica a feiras, centros educativos, asociacións e concellos, especialmente no medio rural galego.<
Nesta edición mantense a combinación de actividades presenciais con contidos audiovisuais e recursos dixitais, co obxectivo de ampliar o alcance do proxecto e facilitar o acceso á información científica máis alá dos lugares nos que se realizan os obradoiros e faladoiros.
Os materiais xerados estarán dispoñibles no portal web de XuvenCiencia e nas súas redes sociais, de xeito que poidan consultarse en calquera momento e chegar a públicos de diferentes idades e localizacións.
A difusión contará tamén co apoio da Universidade de Santiago de Compostela e da Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, contribuíndo a estender os contidos e actividades do proxecto por toda a provincia de Lugo.»
RedeCiencia - Charlas e obadoiros presenciais
| LUGAR | ENTIDADE ASOCIATIVA | DATA |
|---|---|---|
| Friol | AFALU (Grupo de Envejecimiento Activo) | 08/09/2026 |
| Vilalvite, Friol | Asociación de Veciños Agro Pena da Vila | 24/09/2026 |
| Lugo | G-Night | 25/09/2026 |
| Meira | ANPA do IES Pedregal de Irimia | 06/10/2026 |
| Barreiros | Concello de Barreiros | 11/10/2026 |
| A Pontenova | Asociación de Veciños San Pedro da Ribeira | 27/11/2026 |
Cando?
Ciencia á Feira desenvolverase durante o curso 2026/2027, desde o outono de 2026 ata o final do curso. Ao longo desta edición realizaranse faladoiros, obradoiros e eventos centrais arredor das tres novas temáticas do proxecto, ao tempo que se irán xerando e publicando materiais audiovisuais adaptados á web e ás redes sociais de XuvenCiencia.
Por que?
Desde XuvenCiencia consideramos que o acceso ao coñecemento científico e á súa transferencia non debe ser un privilexio ligado ás contornas urbanas ou á proximidade dos centros académicos e tecnolóxicos, senón un dereito accesible tamén para a poboación que vive no medio rural.
Ciencia á Feira pretende achegar a ciencia á vida cotiá e converterse nun espazo de aprendizaxe comunitaria e interxeracional, dentro e fóra dos centros educativos. A través de temas próximos á realidade da cidadanía, buscamos ofrecer ferramentas que axuden a comprender mellor cuestións que afectan directamente á sociedade e favorezan unha toma de decisións máis informada.
Nesta edición, cuestións como o alzhéimer, a soberanía alimentaria e os incendios forestais permiten abordar retos de especial interese social, sanitario e ambiental para Galicia, ao tempo que fomentan a conversa e o intercambio de coñecementos entre persoas de diferentes idades e contornas.
O proxecto busca tamén dar a coñecer a investigación que se desenvolve no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, achegando á cidadanía tanto os avances científicos como ás persoas investigadoras que traballan no seu ámbito universitario máis próximo.
Ciencia á Feira desenvólvese grazas ao financiamento da FECYT e a área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo. Outras das entidades que colaboran no proxecto son a Universidade de Santiago de Compostela, o Centro de Recursos Educativos da ONCE en Galicia, a Asociación Galega de Comunicación Científica – DivulgACCIÓN e as empresas XuvenLab e aToupa.