Docentes de Secundaria de toda Galicia responderon o venres 10 de xaneiro á chamada do grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus Terra e participan xa nas actividades formativas da VI Xornada para profesorado, nas que recibirán unha capacitación práctica dirixida a ser posteriormente trasladada ás aulas dos institutos para estimular tanto as vocacións científicas como o pensamento crítico dos e das adolescentes.

No acto de apertura da VI Xornada para profesorado, que se desenvolveu na sala de xuntas da facultade de Veterinaria, participaron a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, así como a coordinadora do grupo Xuvenciencia, a profesora de Química Física da facultade de Ciencias Mercedes Novo Rodríguez. Estiveron arroupadas por boa parte dos docentes e investigadores que integran o equipo de XuvenCiencia, das facultades de Ciencias, Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría ligados ás áreas de Química Física, Patoloxía Animal, Ciencias Clínicas Veterinarias, Xenética, Enxeñaría Agroforestal, Bioquímica ou Produción Vexetal.

XuvenCiencia. Fago, logo aprendo! estreita ligazóns co profesorado de ensino medio, que se forma nuns proxectos de investigación e nuns procesos de experimentación científica que despois se desenvolven en institutos de toda Galicia. O eixo que artella todas estas actividades son os seis kits XuvenCiencia, concibidos por profesorado do campus de Lugo para unha abordaxe multidisciplinar e práctica das ciencias na aula. Este ano estréanse dous kits que teñen recibido unha inmellorable acollida: o DNA-Meat, de trazabilidade alimentaria a través da realización de probas de ADN, e o Fotometrix, de análise fotométrica para medir a absorbancia dun composto e, por exemplo, dirimir canta proteína ten o leite. Estes novos kits engádense á carteira de XuvenCiencia, que permite facer un balance hídrico dunha conca ou solo (AquaLab), o cultivo de árbores in vitro (Vitroplant), unha iniciación ao diagnóstico veterinario (Animal CSI) e experimentar as posibilidades da luz (Photonics Explorer).

A coordinadora de XuvenCiencia, Mercedes Novo, salientou que XuvenCiencia consta de tres grandes piares: “A oferta de formación ao profesorado de secundaria sobre a metodoloxía científica, os kits de experimentación con todo o material necesario para levar a cabo as actividades propostas —adaptadas a distintos niveis da educación secundaria— e a titorización por parte do profesorado universitario durante o proceso de aprendizaxe na aula”.

Novo incidiu na importancia de crear canles de comunicación bidireccionais entre docentes de ensino medio e universitarios e engadiu que os obradoiros e grupos de traballo de XuvenCiencia crean un clima “moi enriquecedor para todas e todos nós”. Do mesmo xeito, considerou que o obxectivo de espertar as vocacións científicas entre adolescentes preuniversitarios é tan importante como o de “ofrecer unha ferramenta transversal básica” para a mocidade. “Grazas ao método científico incorporarán intuitivamente no seu día a día coñecementos que lles serán útiles para resolver problemas cotiáns e ter un xuízo máis atinado sobre os acontecementos, circunstancias e o mundo que os rodea”.

Finalmente, a coordinadora de XuvenCiencia fixo énfase en que os experimentos e actividades propostos a través dos kits de XuvenCiencia están en consonancia cun mundo contemporáneo que enfronta retos acuciantes como “o cambio climático e a xestión sustentable da auga, a xestión das masas forestais, a seguridade alimentaria, as enfermidades ou o futuro dos sectores produtivos nun contexto de envellecemento poboacional”.

Os e as profesoras participantes na sesión do venres recibiron unha descripción pormenorizada dos seis kits XuvenCiencia e, seguidamente, dividíronse en grupos para iniciar os obradoiros prácticos. Esta actividade experimental, supervisada por docentes e investigadores do Campus Terra, continuaría o sábado durante todo o día na facultade de Veterinaria e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

XuvenCiencia. Fago, logo aprendo! recibe un curso máis o apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), logo de ser valorado como o cuarto mellor proxecto dos máis de 250 de toda España presentados na categoría de ‘Creatividade e vocacións científicas’.