Enfermidades transmitidas por carrachas: coñecelas para poder previlas

Sabías que as carrachas poden transmitir máis de 50 patóxenos?

En Galicia o máis importante é Borrelia, bacteria causante da Enfermidade de Lyme, pero tamén hai outros, como os causantes das rickettsioses. A principal enfermidade transmitida en cans desta zona é a babesiose.
Para previr estas enfermidades transmitidas por carrachas o máis importante é saber onde e cando é máis probable que nos piquen, identificar as especies e como actuar en caso de picadura.

Como saber que é unha carracha?

Son artrópodos arácnidos, como arañas e escorpións.
Os insectos teñen 6 patas e o corpo dividido en 3 partes (cabeza, tórax e abdome), os arácnidos teñen 8 patas e a cabeza unida ao tórax (cefalotórax).
As carrachas teñen só 2 partes: capítulo (cabeza e pezas bucais) e idiosoma (abdome e tórax unidos).
As arañas e escorpións téñenos separados.

As carrachas son ovíparas e presentan 3 estadios de desenvolvemento: larvas, ninfas e adultos.
Diferéncianse polo tamaño, ademais, as larvas teñen 6 patas e só os adultos teñen apertura xenital. Machos e femias adultos diferéncianse polo tamaño dos escudos.

Ciclo de vida das carrachas

Para pasar dun estadio de desenvolvemento a outro, as carrachas aliméntanse de sangue. Presentan 3 tipos de ciclos biolóxicos en función do número de hóspedes:

  • 3 hóspedes: Tras a eclosión do ovo as larvas buscan un primeiro hóspede, despois caen ao chan, mudan a ninfas, buscan outro hóspede e volven caer ao chan para mudar a adultos. Tras alimentarse e realizar a cópula, a femia cae ao chan, onde pon os ovos.
  • 2 hóspedes: A larvas mudan a ninfas sobre o hóspede. As ninfas mudan a adultos no chan e buscan outro hóspede.
  • 1 hóspede: 3 estadios sobre o mesmo hóspede. Soamente a posta de ovos se realiza no chan.

Onde e cando podemos atopalas?

Depende de múltiples factores como a presenza de hóspedes axeitados e as condicións climáticas e xeográficas. En España o pico de actividade das Ixodes ricinus (vector de Lyme) é a finais de primavera, principio de verán. As Dermacentor spp. son máis abundantes en inverno.
En Galicia a maioría atópanse no alto da vexetación, onde esperan coas patas estendidas cara arriba, con uñas para engancharse. Podémolas atopar en calquera tipo de vexetación como herba, arbustos ou na follada, sendo máis abundantes en zonas á sombra e con elevada humidade.
Algunhas especies tamén se adaptaron a zonas secas ou mesmo urbanas.

Especies máis importantes en Galicia

Ixodes ricinus

Abundante en Galicia e Asturias. Vector de Borrelia (enfermidade de Lyme), de Rickettsia e Babesia. De cor escura, capítulo alargado, sen ollos, espora única e moi desenvolvida na primeira coxa. Suco anal por diante do ano.

Rhipicephalus sanguineus s.l.

Son vectores de Rickettsia e Babesia. Con escudo ornamentado (debuxado), capítulo curto, teñen ollos e dúas esporas na primeira coxa. Suco anal detrás do ano.

Dermacentormarginatus e reticulatus

Adaptada a zonas urbanas. Vector de Babasia, Ehrlichia e Anaplasma, que causan enfermidades en cans. Capítulo curto e triangular, teñen ollos e dúas esporas na primeira coxa. Suco anal por detrás do ano.

Cando retirar as carrachas?

Canto antes. Poden transmitir a Borrelia (enfermidade de Lyme) ou Rickettsia (rickettsiose) a partir das de 24-48 horas. Adoitan picar en…

Como retirar as carrachas?

Debe saír completa. Para iso colócase a punta dunhas pinzas o máis próxima posible á pel, suxeitando á carracha polo aparello bucal e traccionando sen virar até retirala. Despois débese lavar a picadura con auga e xabón ou alcol.

Nunca se debe matar á carracha xa que isto pode facilitar a liberación de patóxenos.

NON É AXEITADO esmagalas, queimalas, botarlles aceite nin cortalas. Recoméndase gardar a carracha nun bote con tapa con alcol ao 70% ou no conxelador, para analizala en caso de presentar síntomas de enfermidade.

Como previr picaduras?

En Galicia son máis abundantes en primavera e verán, mais o risco existe todo o ano.

Antes de saír ao aire libre, especialmente a
unha zona boscosa, pódese impregnar a roupa (especialmente a parte baixa dos pantalóns) con permetrina ao 0,5%, algúns repelentes tamén se poden empregar sobre a pel. O ideal sería evitar zonas moi mestas e con vexetación alta.

Despois de estar ao aire libre, é moi importante revisar o corpo, a roupa, e os bolsos ou mochilas, así como a nenas/os e mascotas,en busca de carrachas, para retiralas canto antes e evitar a transmisión de patóxenos.
Recoméndase lavar a roupa con auga quente (a auga fría ou tépeda non as matará) ou metela nunha bolsa hermética no conxelador.

Como actuar ante unha picadura?

Escanea o código QR e actúa acorde ao teu caso.