XuvenCiencia e a facultade de ADE luguesas súmanse á Universidade de Porto. Os adolescentes achegaranse aos centros universitarios e á cidade, participarán nun obradoiro en emprendemento tecnolóxico, conversarán con CEO de start-up e visitarán as instalacións da empresa tecnolóxica AMSLab

Sesenta estudantes preuniversitarios da localidade portuguesa de Valongo —duns 90.000 habitantes no distrito do Porto—, Santiago e Lugo participarán en actividades formativas incluídas no proxecto europeo Phereclos organizadas pola  facultade de ADE do Campus de Lugo da USC en colaboración con XuvenCiencia e a Universidade de Porto. Esta visita do alumnado portugués á cidade de Lugo, os días 23, 24 e 25 de setembro, completa o intercambio de estudantes iniciado a principios de setembro coa visita do alumnado galego a Universidade de Porto.

Un grupo de 22 alumnos/as procedentes da Escola Profissional de Valongo (Profival), acompañado por dous docentes, chegará á Lugo o xoves 23. En primeiro lugar achegaranse á facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC (16.30 horas) e recibirán o saúdo do decano, Francisco Fraga. No percorrido polas instalacións e os laboratorios achegaranse ás tres titulacións de grao –Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, Nutrición Humana e Dietética e Bioquímica— que se imparten no centro. O programa inclúe tamén unha vista á facultade de Veterinaria, onde serán recibidos polo decano, Gonzalo Fernández, e terán a posibilidade de coñecer a Aula de Habilidades Clínicas e o Hospital Veterinario Rof Codina. A xornada do xoves rematará xa no centro da cidade, cunha visita á sede do Museo Pedagóxico de Galicia que alberga o instituto Lucus Augusti, tamén participante neste intercambio preuniversitario promovido dentro do proxecto Phereclos.

 

Precisamente, o alumnado dos institutos lugueses Lucus Augusti e A Nosa Señora dos Ollos Grandes e do IES compostelán Arcebispo Xelmírez II sumarase ao estudantado de Valongo para a sesión que comezará o venres ás 10.00 horas na facultade de ADE do Campus de Lugo da USC. Roberto Bande, decano de ADE, coa colaboración da Porto Business School, é o responsable do deseño dun obradoiro presencial que dará inicio con conversas con CEOs de dúas start-ups. Trátase de Elio López, responsable da compañía luguesa Innogando, de servizos para os gandeiros e de benestar animal, e Leticia Seara, de LexDigo, unha iniciativa no ámbito das Ciencias Sociais.

Os estudantes aproveitarán este obradoiro presencial na facultade de ADE de Lugo para presentar as ideas de negocio que saíron das actividades previamente realizadas online e durante a viaxe que o estudantado galego do proxecto realizou a Porto os pasados días 2 e 3 de setembro. A continuación poderán aproveitar unha sesión de traballo titulada ‘Canvas como ferramenta de xestión estratéxica’ da man da profesora do Campus de Lugo da USC Begoña Barreiro, experta en creación de empresas.

 

Despois dun xantar no Campus, todo o grupo, acompañado nesta viaxe a Lugo por un equipo da Reitoría da Universidade de Porto, desprazarase ata o polígono do Ceao para coñecer as instalacións de AMSLab, unha empresa punteira no ámbito das solucións para análises de calidade en ámbitos tan diversos como o téxtil, a alimentación, a veterinaria, a farmacia ou os xoguetes.

Xa a partir das 18.00 horas do venres, o estudantado dos catro institutos poderá sumarse aos obradoiros, demostracións e presentacións organizados no Vello Cárcere de Lugo por XuvenCiencia e a Asociación de Investigador@s AgroMar do Campus de Lugo con motivo da G-Night, a celebración simultánea en toda Europa da Noite das Persoas Investigadoras. Dous destes obradoiros, ‘Experimentos de física’ e ‘Faz un telemóvel do tempo da pedra’, estarán ao cargo de persoal  docente e investigador da Universidade do Porto.

Os adolescentes e o profesorado procedente da Profival de Valongo e da Universidade do Porto aínda terán oportunidade na mañá do sábado 25 de setembro, antes de emprender camiño de regreso cara a Portugal, de camiñar o centro histórico da cidade e os seus tres Patrimonios Mundiais da Humanidade, así como achegarse a algún dos espazos verdes dunha cidade que é capital das Terras do Miño, que conta con declaración de Reserva da Biosfera pola Unesco.

Unha longa colaboración

Este intercambio está coordinado polos responsables do grupo de innovación docente XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez e Wajih Al-Soufi; o decano da facultade de ADE do Campus de Lugo da USC, Roberto Bande Ramudo, e Vítor Silva, da reitoría da Universidade de Porto. Grazas ao seu traballo conxunto e á participación dos institutos galegos Ollos Grandes, Lucus Augusti e Xelmírez II e o portugués de Valongo, a Porto Business School e a asociación Escola-ON naceu esta iniciativa galegoportuguesa de emprendemento tecnolóxico.

O equipo transnacional no que toman parte XuvenCiencia e a Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo está liderado pola Universidade do Porto, a través da súa Universidade Júnior, que participa do proxecto PHERECLOS da convocatoria europea Horizon2020. O proxecto PHERECLOS (Partnerships for Pathways to Higher Education and Science Engagement in Regional Clusters of Open Schooling), que se podería traducir como Colaboracións para Camiños cara a unha Educación Superior e Compromiso Científico en Grupos Rexionais de Escolaridade Aberta, está integrado por universidades para nenos e mozos de Austria, Polonia, Dinamarca, Italia, Portugal, Finlandia, Romanía, Reino Unido e Colombia.

XuvenCiencia e a Universidade Júnior de Porto manteñen unha longa colaboración que ten como orixe a pertenza de ambas as institucións á Eucu.net, a rede das universidades europeas para a infancia e a mocidade, e nos exitosos campamentos para público preuniversitario que organizan tanto o grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC como o seu homólogo portugués.