O vindeiro 30 de setembro, baixo o lema «Conciencias creativas», terá lugar en toda Galicia a Noite europea das persoas investigadoras. Ese día, a G-Night encherá as cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo de actividades de divulgación en lugares afastados dos laboratorios, como rúas, museos, praias e bares, nun ambiente festivo. A Noite galega das persoas investigadoras, ademais de nas cidades galegas, desenvolverase de xeito simultáneo en máis de 360 localidades de toda Europa. O obxectivo do evento é dar a coñecer o valor do traballo desenvolvido polos científicos e científicas, así como a importancia desta actividade na sociedade.
No ano do seu décimo aniversario, a Noite europea das persoas investigadoras regresará este outono a Galicia con folgos renovados, da man dunha decena de universidades, centros e institutos de investigación, coordinados pola UVigo.
CHEGA A LUGO POR SEGUNDA VEZ A G-NIGHT!!!
En Lugo, a organización da Noite galega das persoas investigadoras correspóndelle ao Grupo de Innovación Docente XuvenCiencia, do Campus de Lugo da Universidade de Santiago, e á Asociación de Investigador@s do Campus Terra AgroMar.
Fai a túa inscrición para as actividades en Lugo:
Elixe no seguinte programa o percorrido e reserva a túa praza!
Inscrición presencialmente no Vello Cárcere ou no 982 297 195. (Todos os días de 11:00-14:00, 17:00-20:30.)
Cando?
A Noite galega das persoas investigadoras 2022 terá lugar en Lugo, como en toda Europa, o 30 de setembro, en horario de 18.00 a 22.00 horas.
Onde?
O Vello Cárcere é o emprazamento elixido para a Noite galega das persoas investigadoras na cidade de Lugo. O Vello Cárcere é unha antiga prisión provincial recentemente recuperada como espazo de memoria e lugar para a programación de actividades de tipo divulgativo e cultural no centro urbano, ao pé da porta da muralla do Campo Castelo, a carón da estación de autobuses e na contorna da Ronda da Muralla e a Praza da Horta do Seminario, un dos espazos máis transitados da localidade.
LUGAR | O Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n. Lugo)

Como?
Obradoiros, presentacións e charlas conforman a programación da G-Night no Vello Cárcere de Lugo. Adaptaranse os espazos do edificio: o patio panóptico interior e as celas, para levar obradoiros nos que aprender a técnica da PCR ou a cuantificar a cantidade de proteínas do leite a través dun método fotométrico, ademais de realizar frotis sanguíneo ou coñecer o funcionamento da fibra óptica. Tamén haberá obradoiros no eido das ciencias sociais que se achegarán ao cyberbullying e aos estereotipos de xénero. Para os máis pequenos ofértarse, asemade, un obradoiro de aprendizaxe cooperativa. As demos serán tan variadas que irán da clonación de árbores in vitro ata a realidade aumentada e a impresión 3D, a fotosíntese artificial ou unha modalidade de hardware libre para rexistrar parámetros ambientais como a humidade ou a temperatura. As punteiras investigacións que desenvolve o Campus de Lugo da USC con peixe cebra para a súa aplicación en doenzas humanas ou a determinación do grosor dun cabelo mediante difracción son outras das propostas.
Para quen?
A Noite galega das persoas investigadoras está concibida para persoas de todas as idades e condicións. Procúrase o público escolar e preuniversitario, mais tamén o familiar e adulto. Haberá propostas para crianzas desde primeiro curso de primaria, sen límite de idade. O que si recomendamos, debido á restrición dos aforos, é a preinscrición para participar nas actividades da G-Night.
Organización a cargo do Grupo de Innovación Docente da USC XuvenCiencia e da Asociación de investigador@s do Campus Terra AgroMar
O proxecto Galician Night of Researchers é un evento asociado á MSCA e Cidadanía, unha iniciativa da Unión Europea financiada por Marie Sklodowska Curie Actions. Identificador da convocatoria HORIZON-MSCA-2022-CITIZENS-01 (Marie Sklodowska-Curie Actios European Researchers’ Night 2022-2023).