O alumnado dos institutos galegos do TEMP_01 do proxecto Phereclos repartiuse en sete grupos e deseñou, desenvolveu e presentou propostas de negocio con base científica e tecnolóxica, conscientes sobre o territorio e baseadas nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable
Un equipo formado pola Universidade do Porto, XuvenCiencia e a Facultade de ADE do Campus de Lugo da USC, a Porto Business School, os institutos de ensino secundario Lucus Augusti e A Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), Arcebispo Xelmírez II (Santiago) e Profival (Valongo) e a Associação Tempos Brilhantes Escola-ON integran o TEMP_01 de Phereclos.
Unha iniciativa piloto
Esta proposta transfronteiriza está concibida como unha iniciativa piloto e senta as bases para a creación dunha rede galegoportuguesa que traballe de xeito transversal os conceptos de cultura emprendedora, innovación científica e tecnolóxica, desenvolvemento sustentable e consciencia sobre o territorio.
Antecedentes
O estudantado dos institutos Lucus Augusti, Ollos Grandes e Xelmírez II recibiu tres obradoiros sobre cultura emprendedora a cargo da Porto Business School, en colaboración coa Facultade de Administración de Empresas do Campus de Lugo da USC e a través da plataforma da Escola-ON.
O factor STEM
O profesorado galego e portugués participante no proxecto foi formado nos kits experimentais de XuvenCiencia Fotometrix e Aqualab, propostas aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).
Bosquexos, supervisión e sesión conxunta
O noso alumnado comezou a trazar os bosquexos para as súas ideas de negocio con base tecnolóxica nun seminario presencial que se impartiu en setembro na Porto Business School. Vemos aquí o póster inicial dun dos grupos. O deseño dos proxectos contou coa supervisión do profesorado da Porto Business School, da facultade de ADE do Campus de Lugo da USC, así como dos e das docentes dos propios institutos participantes no TEMP_01. O traballo en grupo deu como resultado diferentes ideas de negocio que foron presentadas nunha sesión conxunta o 24 de setembro de 2022 no Campus de Lugo.
Que ideas!!!
Cales son as preocupacións da mocidade? Como cren que poden contribuír eles a mellorar o mundo no que viven? Se nos baseamos nas ideas xurdidas do TEMP_01…
- A calidade do aire e as emisións de C02 (Máis Osíxeno, PollumApp).
- A Desconexión coa Natureza.
- A reutilización e redución de lixo (Reciclaxe de Aluminio, Desperdicios Alimentarios e Redución dos Contaminantes dos Supermercados).
- O Mundo en Situación de Emerxencia.
- Que a tecnoloxía e a innovación supoñan un motor de desenvolvemento sustentable e responsable.
No seguinte vídeo temos un resumo das actividades realizadas polo alumnado dos institutos Lucus Augusti, Ollos Grandes e Xelmírez II. Préstase atención a todas as fases de traballo para levar adiante a idea de negocio.
Achegamos tamén estas recursos nos que se poden ver algúns dos pitch elaborados polo alumnado:
- Pitch completo do proxecto PollumApp na seguinte ligazón
- Pitch en PDF do proxecto Reciclaxe de Aluminio.
- Pitch en PDF do proxecto Máis Osíxeno.
Da idea ao proxecto da man de PollumApp
Na seguinte montaxe audiovisual seguimos un dos grupos que participan no TEMP_01 do proxecto Phereclos, integrado neste caso por alumnado do IES Xelmírez II de Santiago, no seu proceso titorizado de concepción, deseño, desenvolvemento e presentación da súa idea de negocio: PollumApp, unha aplicación móbil que avise dos niveis de contaminación e polución no aire, tanto para facilitarlles a vida a persoas alérxicas ou con doenzas pulmonares como para aqueles/as que fan deporte ao aire libre nas cidades.