O Campus XuvenCiencia 2020 celebrarase en Lugo do 28 de xuño ao 4 de xullo. Entre as principais novidades da edición que temos en marcha, este ano mudamos o modo de admisión: a metade das prazas cubriranse pola orde de inscrición e a outra metade, por sorteo entre todo o alumnado inscrito. Con isto pretendemos garantir a igualdade de oportunidades entre o alumnado, independentemente da súa dispoñibilidade ou posibilidade de acceso a internet no momento do inicio da inscrición. O prazo de inscrición abrirase o 30 de abril ás 15.30 horas.

Esta oitava edición chegará con case que un cento de obradoiros científico-tecnolóxicos e científico sociais para alumnado de 4º da ESO a 1º de BAC (2º de BAC para veteranos), pensión completa con aloxamento en residencias do campus de Lugo e un completo programa de actividades lúdicas para os seráns e as noitiñas a cargo de Lumieira Acompaña. Ofértanse en total 150 prazas, das que 100 serán para rapazas e rapaces que nunca teñan participado no Campus XuvenCiencia e 50, para aqueles veteranos que desexen repetir a experiencia. Mentres ultimamos os detalles do programa, toda a información sobre prazos e matrícula pode ser consultada na nosa web.

O Campus XuvenCiencia está concibido como unha actividade para que a rapazada coñeza a ciencia e a tecnoloxía de primeira man, a forza de fedellar e descubrir experimentos divertidos e creativos. Deste xeito, as e os adolescentes ven fomentado o seu interese pola ciencia e contarán con máis e mellor información para a gran decisión que encaran nos últimos anos de instituto: Que fago eu agora coa miña vida? Porén, a máxima premisa do Campus XuvenCiencia reside en que os e as asistentes fagan novas amizades e que o pasen de marabilla.

Este campus científico para adolescentes forma parte do programa Fago, Logo aprendo!, impulsado e deseñado polo grupo XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC.