Curtis, Vilalba, Ourense, Pontedeume, Viveiro e Chantada acolleron propostas para nenos/as e mozos/as, que puideron experimentar coas proteínas, o ADN e o diagnóstico veterinario. Estas actividades están incluídas na programación da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta

Persoal investigador da USC ligado ao grupo de innovación docente XuvenCiencia e á asociación de investigador@s AgroMar, ambos os dous do Campus de Lugo da USC, encargouse de impartir obradoiros científicos para nenos/as e adolescentes nos Espazos Xoves das localidades de Curtis, Vilalba, Potedeume, Ourense, Viveiro e Chantada durante os meses de xuño e xullo.

Por parte de XuvenCiencia e de AgroMar propuxéronse tres obradoiros en cada municipio, cunha duración de dúas horas. Lara Rouco, Ana Couso, Uxía Yáñez, Diego Cora, Nerea Gandoy, Sabela Fernández, María Villar, Ana Manuela de Azevedo, Xoel Souto e Ana Losada, PDI das facultades de Ciencias, Veterinaria e Escola Politécnica Superior (EPSE), integran o equipo ao cargo dos obradoiros.

Oferta de actividades
Quen ten máis proteína?

As proteínas contribúen ao aumento e conservación da masa muscular e ao mantemento dos ósos en condicións normais, polo que constitúen un macronutrinte imprescindible na nosa dieta diaria. Neste obradoiro determínase o contido de proteína de diferentes tipos de leite e de bebidas vexetais. Empregamos un fotómetro móbil desenvolvido por XuvenCiencia para o kit Fotometrix. Este dispositivo permite analizar colorimetricamente a cantidade de proteína en diferentes mostras biolóxicas.

O ADN é visíbel!

Se nos adentramos no interior dunha das nosas células, podemos ver un bule-bule de reaccións que se producen sen nós decatármonos. O núcleo celular alberga o ADN, o noso libro de instrucións. Grazas ao ADN somos como somos. Neste obradoiro explóranse algunhas das técnicas que usan nos laboratorios de xenética para o estudo do ADN. Extraemos e vemos o ADN das nosas propias células e facémonos expertos/as sobre a técnica da PCR.

O mundo invisible das enfermidades animais

Neste obradoiro realízanse algunhas das técnicas que habitualmente se empregan para determinar a causa da morte e estudar as doenzas nos animais: a necropsia, a toma de mostras para estudos de laboratorio e o estudo microscópico de frotis sanguíneos e outras probas rápidas de diagnóstico.

Todo listo para impartir os obradoiros.
Os asistentes puideron empregar materiais de uso vixente nos laboratorios do Campus de Lugo da USC.
Preparamos os fotómetros para medir as proteínas.
Para experimentar cómpre sermos observadores/as.