O proxecto XuvenCiencia. Fago, logo aprendo, desenvolvido polo grupo de innovación do Campus Terra da Universidade de Santiago, dispón aínda dalgunhas prazas para docentes de ESO, BAC ou FP que desexen participar na súa sexta edición e ter a posibilidade de levar adiante proxectos de investigación científica de rastreo da humidade do solo –grazas ao kit AquaLab—, diagnóstico veterinario –co kit Animal CSI— e de cultivo de árbores in vitro, co kit Vitroplant. O resto dos kits ofertados na presente edición (DNA-Meat, Fotometrix e Photonics Explorer) xa teñen esgotada toda a oferta e mesmo houbo que elaborar máis debido á alta demanda.

O formulario de inscrición online (formulario) para participar na VI Xornada XuvenCiencia para profesorado permanecerá operativo algún día máis por se o profesorado de ensino medio nas áreas de Bioloxía, Xeoloxía, Tecnoloxía ou Ciencias da Terra e do Medio Ambiente está interesado en sumarse a unha actividade formativa que comezará no Campus de Lugo o vindeiro 10 de xaneiro de 2020 e que capacita para levar adiante auténticos proxectos de investigación a partir da experimentación, a recollida de datos, a observación e o seguimento rigoroso do método científico. As actividades propostas para cada un dos kits de XuvenCiencia están adaptadas aos distintos niveis dos currículos preuniversitarios e, asemade, son apropiados para o STEMBach e os clubs de ciencias.

O proxecto XuvenCiencia, coordinado pola profesora de Química Física do Campus de Lugo Mercedes Novo, incide nalgunhas das destrezas de levar a aprendizaxe científica e tecnolóxica da aula aos casos prácticos do día a día que máis se teñen en conta en avaliacións de calidade internacional como o informe PISA da OCDE. Como mostra da súa excelencia, o proxecto desenvolvido desde o Campus Terra recibe un curso máis o apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnogía (FECYT), logo de ser valorado como o cuarto mellor proxecto dos máis de 250 de toda España presentados na categoría de ‘Creatividade e vocacións científicas’.

Vitroplant ‘Multiplicación de árbores por cultivo in vitro’
Grupo de profesorado: Bioloxía. Área responsable na USC: Produción Vexetal.
O Kit Vitroplant inclúe actividades educativas para iniciarse no cultivo in vitro de árbores. Na actualidade o kit contén material, instrucións e táboas de recollida de datos en formato científico para realizar as seguintes actividades: 1) obtención de explantos a partir de forzado de segmentos de póla, 2) observación e seguimento do enraizamiento in vitro con distintos tratamentos, 3) enraizamiento in vivo usando hormonas en talco, 4) observación da contaminación do cultivo en condicións non asépticas, 5) aclimatación progresiva do material propagado in vitro, 6) micropropagación mediante subcultivo e 7) desinfección de explantos e establecemento in vitro. As actividades adaptaranse para a súa realización nos centros sen necesidade de condicións estériles.

.

AquaLab ‘Sensores de medida de humidade no solo’
Grupo de profesorado: Tecnoloxía, Bioloxía, Ciencias da Terra e do Medio Ambiente. Área responsable na USC: Enxeñería Agroforestal.
Este proxecto baséase na realización dun balance hídrico moi sinxelo dun solo nunha maceta. A estimación dos elementos do balance hídrico é unha parte fundamental para o coñecemento e cuantificación do ciclo hidrolóxico a escala de concas hidrográficas co fin de conseguir un uso sustentable da auga. Nos currículos educativos de educación secundaria recóllense distintos aspectos relacionados coa auga, a súa xestión e consumo responsable. O kit inclúe os elementos necesarios para levar a cabo tres actividades usando como base a plataforma electrónica aberta Arduino: 1) control e rexistro de datos cunha placa Arduino e un sensor de humidade do solo de tipo capacitivo, 2) calibración do sensor de auga no solo, obténdose unha curva de calibración que mide a resposta do sensor e o contido de auga no solo e 3) realización dun balance de auga na maceta de solo, para estimar a perda de auga por evaporación desde o solo, medindo o contido de auga no solo mediante pesada, a auga aplicada e a drenaxe.
Neste proxecto proponse ampliar este kit para complementar o kit Vitroplant, incluíndo non só o rexistro de variables ambientais (iluminación, temperatura e humidade do aire), senón tamén a automatización desas variables ambientais, acendido de luces, conexión e desconexión da calefacción, control da humidade ambiental.

Animal CSI ‘Iniciación ao diagnóstico veterinario’
Grupo de profesorado: . Áreas responsables: Patoloxía Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias.
O obxectivo de Animal CSI é que os e as estudantes se inicien no estudo da anatomía e da bioloxía celular e que adquiran competencias básicas e científicas mediante a realización de técnicas de investigación habituais nos nosos laboratorios. Ademais de distintas preparacións e fichas de apoio, o kit contén todo o material necesario (portaobxectos, líquidos para a tinción ou cubetas para tinguir) para que os estudantes poidan realizar as súas propias preparacións e experimentar de forma autónoma. Propóñense 4 actividades de diferentes niveis: 1) técnica de necropsia, 2) probas de diagnóstico rápido, 3) frotis sanguíneo e 4) técnica histopatolóxica.