No programa XuvenCiencia na aula, o alumnado de secundaria e bacharelato realiza as actividades propostas nos diferentes kits educativos baixo a tutorización do seu profesorado, que selecciona as actividades máis adecuadas a cada nivel e a cada programación docente. As actividades aínda que son guiadas son o suficientemente abertas para que o alumnado poida probar e dar paso á súa curiosidade.
- Photonics Explorer: experimentos sobre a luz e a tecnoloxía da luz
- Animal CSI: actividades no eido da patoloxía veterinaria, como necropsias ou preparación de mostras
- Vitroplant: actividades para o cultivo in vitro de árbores
- AquaLab: actividades relacionadas coa auga, a súa xestión e o seu consumo responsable
- RescueMe: actividades para o rexistro exhaustivo da memoria, é dicir, a recollida e recuperación de testemuños e vivencias que acheguen datos significativos ao coñecemento histórico e cultural
- DNAMeat: Ensayo molecular de trazabilidad animal – Xenética, PCR
- Fotometrix: Análisis Fotométrico do contido de proteinas no leite
Se queres adquirir un dos kits Xuvenciencia na aula accede á nosa XuvenTenda.
Obxectivo
O obxectivo xeral desta acción é a expansión do Campus de Verán XuvenCiencia para chegar a un maior número de alumnos/as de todas as etapas do ensino secundario.
O profesorado participante nas Xornadas XuvenCiencia para profesorado levará aos seus centros de traballo as distintas iniciativas de proxectos científicos ou técnicos deseñados polo profesorado universitario, recibindo nesas xornadas a formación necesaria para a súa execución. Os proxectos propostos cobren algunhas das áreas temáticas de ciencias e tecnoloxía no ensino secundario. Nun futuro preténdese ampliar esta oferta dentro das mesmas áreas e tamén nas ciencias sociais, artes e humanidades. Cada centro poderá participar nun ou varios proxectos.
Cada un dos proxectos propostos presenta varias actividades adaptadas ás necesidades educativas do alumnado, desde primeiros cursos de ESO a BAC, nas que irá progresando (subindo niveis) a medida que vaia adquirindo competencias.
Para cada proxecto porase a disposición dos centros un kit de traballo que conterá todo o material instrumental necesario para levar a cabo as distintas actividades, aínda que se procurará que na medida do posible se aproveite o material de laboratorio do que dispoñan os centros.
En todo momento os profesores dos centros serán os encargados de xestionar o proceso de aprendizaxe e de adaptalo ás súas necesidades. Traballarase cunha metodoloxía de resolución de problemas onde se buscará a creatividade á hora da resolución dos mesmos. Primará en todo momento que os estudantes traballen en grupo e de forma cooperativa.
Na medida do posible (aproveitando os recursos dos que dispoñan os centros) tentarase que cada grupo de traballo poida visitar o Departamento responsable do proxecto, coñecer aos investigadores (e en particular ao persoal en formación, posto que se van converter nos seus referentes) e as principais liñas de traballo dos mesmos.
Ademais, para cada proxecto crearase unha rede de traballo entre os distintos centros e a Universidade, empregando como ferramenta de comunicación un grupo privado de Facebook. Este intercambio de información vai ser crucial para o desenvolvemento do proxecto, ampliando e adaptando as actividades segundo a experiencia adquirida durante a realización das mesmas co alumnado de ensino medio.
Distribución
Desde o mes de febreiro de 2016 XuvenCiencia entregou máis de 140 kits a profesoras e profesores de centros distribuídos polas catro provincias galegas!
View XuvenCiencia na aula – Kits in a full screen map
Coa colaboración da