O grupo de innovación do campus de Lugo elabora para profesorado e alumnado de secundaria entradas multimedia que analizan a pandemia de Covid-19 desde as áreas da Xenética, Microbioloxía, Análise de Datos ou Epidemioloxía. As persoas interesadas poden suscribirse a un boletín de novas

Como funcionan as probas PCR que detectan se unha persoa está doente de Covid-19? Son visibles os virus do coronavirus baixo o microscopio electrónico? Que diferenza unha epidemia dunha pandemia? Como se multiplican os virus? Como se transmite e se manifesta a Covid-19? Que medidas preventivas podemos adoptar? Como interpretamos as series de datos e os modelos matemáticos da pandemia? Estas son só algunhas das preguntas que XuvenCiencia, grupo de innovación docente do campus de Lugo da USC, está a respostar estas semanas a través do seu blog, transformado nunha plataforma para a teledocencia e posto a disposición do profesorado e do alumnado de secundaria de Galicia.

Profesorado da Universidade de Santiago encárgase de elaborar estes textos para o blog XuvenCiencia. Así, Manel Vera, da área de Xenética, ocúpase de explicar o funcionamento das probas de reacción en cadea da polimerasa (PCR, polas súas siglas en inglés), as máis fiables para diagnosticar o coronavirus, e engade que a mesma técnica é a que se emprega no kit XuvenCiencia DNA-Meat, de trazabilidade alimentaria, que determina a orixe dun composto cárnico. Do mesmo xeito, o profesor da área de Microbioloxía Jesús Blanco repasa a historia das máis importantes pandemias do século XX, a da gripe de 1918 e a da sida, e achega unha explicación completa do comportamento dos virus, o seu ciclo de vida e a súa multiplicación.

Ademais, Wajih Al-Soufi, do departamento de Química Física, incide na importancia de comprender os datos da pandemia que se nos ofrecen, interpretalos criticamente, sabelos representar de forma gráfica, coñecer os modelos matemáticos que usan e ser quen de localizar fontes fiables para o seu fornecemento; por riba axuda no estudo de conceptos matemáticos do currículo de BAC. Por outra banda, e desde o departamento de Patoloxía Animal, o profesor Ceferino López Sández elabora unha visión xeral de que é a Covid-19, as súas características especiais e indicacións para protexérnomos. Nunha vindeira entrada,conxuntamente con Wajih Al-Soufi, afondará nos modelos matemáticos que describen o comportamento dunha epidemia.

Estes artigos para o blog XuvenCiencia complétanse con reportaxes máis de tipo ilustrativo como o que se aproxima á cultura maker, á impresión en 3D e á coordinación de voluntariado para elaborar materiais protectores ou a iniciativas que dispoñen recursos educativos on-line, como a posta en marcha polo Museo Universitario da Domus do Mitreo. Todas estas entradas da bitácora deste grupo de innovación docente do campus de Lugo inclúen recursos multimedia: gráficos, ilustracións, infografías, vídeos, glosarios, presentacións en PowerPoint e ligazóns para ampliar os coñecementos.

Un boletín de novas coas actualizacións

A coordinadora de XuvenCiencia, a profesora do departamento de Química Física da USC Mercedes Novo Rodríguez, subliña que esta proposta serve para paliar o peche dos centros escolares que condicionou o desenvolvemento dos experimentos de XuvenCiencia na aula durante o presente estado de alarma. “Vimos de habilitar un mecanismo de suscrición ao noso blog, para que tanto docentes como estudantes reciban información puntual das actualizacións a través dun boletín de novas”.

A renovación de contidos continúa en marcha. Xa está en preparación un novo texto sobre a práctica doméstica cun fotómetro móbil, baseada no kit Fotometrix de XuvenCiencia, que mide a cantidade de proteína dun líquido biolóxico (por exemplo, o leite) a partir do método de Lowry. Mercedes Novo e Wajih Al-Soufi serán os seus autores. “A nosa idea é convidar tamén a expertos externos a elaborar algunha destas pezas para o blog. Para coñecer os intereses do profesorado de secundaria vimos de pasar unha enquisa a máis de 200 docentes para sabermos cales son os temas que máis lles interesan e para que nos trasladen as súas suxerencias que teremos en conta para a elaboración das vindeiras entradas do noso blog”, conclúe a coordinadora de XuvenCiencia.