O proxecto PHERECLOS da convocatoria europea Horizon2020 vén de aceptar unha proposta liderada pola Universidade do Porto na que se integran, ademais dos anteditos centros da USC, os institutos Lucus Augusti e A Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, Xelmírez II de Santiago, a Porto Business School, a Escola Profissional de Valongo e a Asociaçião Tempos Brilhantes – Escola ON de Portugal 

Un equipo integrado por representantes do grupo de innovación docente XuvenCiencia e da Facultade de Administración e Dirección de Empresas —ambos os dous do Campus de Lugo da USC—, da Universidade de Porto, Porto Bussiness School, os institutos públicos Lucus Augusti e Ollos Grandes (Lugo) e Xelmírez II (Santiago), así como a Escola Profissional de Valongo e a Asociaçião Tempos Brilhantes – Escola On de Portugal botaron a andar esta semana unha iniciativa dirixida a desenvolver accións de emprendemento tecnolóxico para alumnado de BAC, STEMBach e de Formación Profesional de Galicia e Portugal. O propósito desta colaboración é que a experiencia nos tres institutos galegos sirva como experiencia piloto que poida consolidarse e estenderse a través dunha rede en Galicia e España.

O equipo transnacional no que toman parte XuvenCiencia e a Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo está liderado pola Universidade do Porto, a través da súa Universidade Júnior, que participa do proxecto PHERECLOS da convocatoria europea Horizon2020. O proxecto PHERECLOS (Partnerships for Pathways to Higher Education and Science Engagement in Regional Clusters of Open Schooling), que se podería traducir como Colaboracións para Camiños cara a unha Educación Superior e Compromiso Científico en Grupos Rexionais de Escolaridade Aberta, está integrado por universidades para nenos e mozos de Austria, Polonia, Dinamarca, Italia, Portugal, Finlandia, Romanía, Reino Unido e Colombia.

Subproxecto transnacional

Dentro do seu desenvolvemento, contempla varios subproxectos que impliquen accións transnacionais como ese TEMP (Transnational Education Mentoring Partnership – Accións de Titorización Educativa Transnacional) galegoportugués no que participan XuvenCiencia e a Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, cuxa proposta mereceu 30 de 30 puntos posibles por parte dos avaliadores.

Formación para proxectos de empresas tecnolóxicas

As accións previstas neste TEMP galegoportugués do proxecto PHERECLOS están orientadas a alumnado de bacharelato e formación profesional, así como de clubs de ciencia e programa STEMBach. Ademais dos tres institutos galegos mencionados, participarán estudantes da escola profesional de Valongo, un municipio de 93.000 habitantes no distrito do Porto. O estudantado recibirá este curso uns obradoiros de formación en emprendemento empresarial cuxos contidos serán fornecidos pola Porto Business School e a Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo da USC. No entanto, o profesorado dos institutos de Lugo, Santiago e Valongo participantes no programa recibirá tamén unha formación sobre os kits de experimentación científica XuvenCiencia para despois utilizalos en obradoiros de experimentación cos seus estudantes.

Kits Fotometrix e AquaLab de XuvenCiencia

Escolléronse para este programa os kits Fotometrix, que permite a análise fotométrica de, por exemplo, a cantidade de proteína dun líquido biolóxico grazas a un fotómetro de peto deseñado por XuvenCiencia, e AquaLab, un sistema de monitorización ambiental baseado nun microcomputador tipo Arduino que aprende a facer un uso sustentable dos recursos hídricos.

Monitorización por parte de profesorado e alumnado de ADE

O obxectivo consiste en que o alumnado realice un proxecto de emprendemento consistente no desenvolvemento dalgunha idea empresarial de tipo tecnolóxico. Para levalos adiante contarán coa supervisión de profesorado e alumnado dos graos de Administración e Dirección de Empresas e Empresa e Tecnoloxía do Campus de Lugo da USC.

Visitas a empresas tecnolóxicas

As actividades do TEMP completaranse xa durante o vindeiro ano académico co desenvolvemento destes proxectos monitorizados de empresa tecnolóxica e a presentación das mellores ideas a través dor portais web de XuvenCiencia e a Universidade Júnior de Porto, da plataforma Escola ON e doutros espazos, como feiras de ciencia. Asemade, está previsto no programa as visitas do alumnado galego a empresas tecnolóxicas ligadas ás investigacións que se desenvolven no Campus de Lugo da Universidade de Santiago.