O grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC imparte desde esta semana un obradoiro sobre metodoloxía científica para profesorado de secundaria

O deseño de experimentos nas aulas de ensino secundario e a metodoloxía científica centran os obradoiros que o grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC desenvolverá desde esta semana da man do programa Aula Nova do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) da Xunta. Un total de 20 docentes de ESO, BAC e ciclos de FP de toda Galicia participan neste novidoso proxecto de formación para o profesorado que se desenvolverá durante catro sesións online no mes de abril.

Esta actividade ofrece formación específica sobre o método científico e o deseño de experimentos para o profesorado de secundaria, grazas a kits deseñados por XuvenCiencia cos que poderán traballar na aula ou mesmo levar á casa o alumnado en situación de novos confinamentos. Traballaranse as distintas fases dunha investigación, desde a toma de datos e o procesamento pasando pola súa presentación a través de estatística descritiva e a elaboración de gráficos mediante follas de cálculo ata a discusión dos resultados e a presentación dos mesmos en forma de artigo científico e mediante o uso de tecnoloxías como blogs, redes sociais ou aulas virtuais.

Os profesores e investigadores do campus de Lugo da USC Mercedes Novo, Wajih Al-Soufi, Ana Paula Losada, Marta López Alonso e Marta Veiga Izaguirre, todos eles integrantes do grupo de innovación docente XuvenCiencia, serán os encargados de impartir esta actividade proposta a través do CAFI da Xunta.

Catro sesións

O curso impártese en forma de obradoiro, dividido en catro sesións relativas ás distintas fases dun traballo científico. Os contidos están recollidos en fichas de actividades que lles permiten aos participantes avanzar nos contidos ao seu ritmo individual. O profesorado de ensino medio participante nesta actividade de XuvenCiencia para Aula Nova xa foi recibindo estes días, no seu centro, un kit de experimentación co fotómetro móbil Fotometrix do grupo XuvenCiencia xunto co material básico necesario para realizar medidas sen necesidade dun laboratorio.

Relación de centros que participan nestes obradoiros de XuvenCiencia:

A Coruña Lugo Ourense Pontevedra
IES Virxe do Mar de Noia IES Santiago Basanta Silva de Vilalba IES As Lagoas de Ourense IES Antón Losada Diéguez da Estrada
IES Rafael Dieste da Coruña IES Xoán Montes de Lugo IES Castro de Baronceli de Verín (2 docentes) IES A Sangriña da Guarda
IES Afonso X O Sabio de Cambre CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel IES Xesús Taboada Chivite de Verín IES Johán Carballeira de Bueu
IES de Porto do Son CPI Ramón Piñeiro de Láncara
IES David Buján de Cambre (2 docentes)
IES de Pastoriza de Arteixo
CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco
CPI O Cruce de Cerceda