Ante a imposibilidade de celebrar o campamento presencial, o grupo de innovación docente da USC en Lugo argalla para alumnado de 4º de ESO e BAC seis proxectos colaborativos para abordar un futuro sustentable logo da pandemia. A matrícula abre o vindeiro luns 8 de xuño

Pikrepo

O Campus de Verán XuvenCiencia 2020 será un campus en rede, pero en ningún caso virtual, xa que os proxectos propostos resultan “moi tanxibles” e requirirán traballo de campo. Ante a imposibilidade de celebrar de xeito presencial a que había ser a oitava edición do Campus de Verán XuvenCiencia no Campus de Lugo da USC, a organización vén de argallar unha proposta colaborativa e a distancia, dirixida a alumnado de 4º de ESO e BAC de Galicia e España e que se celebrará do 29 de xuño ao 3 de xullo. Estes mozos e mozas terán a oportunidade de sumarse a cinco proxectos especialmente pensados para este escenario de crise sociosanitaria global, no que se fai imprescindible a reflexión sobre o medio ambiente, a sustentabilidade dos recursos, a consciencia sobre a orixe dos alimentos e as aprendizaxes de xeracións pasadas.

Deste xeito, o Campus de Verán XuvenCiencia en Rede desenvolverá cinco proxectos: Plantifícate!, que chama a descubrir a biodiversidade da contorna e a identificar as especies máis acaídas e adaptadas ao noso territorio, e Leva a auga ao rego, que aprenderá a delimitar unha conca fluvial e a que os rapaces/zas realicen medicións de caudal nunha corrente de auga próxima á súa casa, serán dúas destas propostas. Asemade, Somos o que comemos? reflexionará sobre a orixe dos alimentos que poñemos á mesa, a pegada de carbono, o seu transporte e as ideas preconcibidas sobre o medio rural, mentres que Ti e o tempo dará instrucións para construír un reloxo solar e descubrirá todo o que se pode medir con el e como o horario solar inflúe nas nosas vidas. O quinto dos proxectos, Como quen oe chover, abordará a fraseoloxía relacionada co clima e o tempo, analizará a súa pegada na cultura pop e viaxará na historia para comprobar que efectos tiveron na sociopolítica e nas artes. Cada un destes proxectos ofertará entre 30 e 40 prazas.

 

Cinco proxectos… e un obradoiro de medios

Como novidade para esta edición tan excepcional polas circunstancias, XuvenCiencia creará un Obradoiro de Medios no que iniciará a estudantes de secundaria no xornalismo científico. As xuvenreporteiras/os do Obradoiro e Medios terán como encarga elaborar informacións dos diferentes proxectos e entrevistarán aos seus compañeiros, ao profesorado responsable e aos monitores/as. Estes contidos encherán o magacine XuvenCiencia e difundiranse a través das redes sociais. As prazas ofertadas para o Obradoiro de Medios son un máximo de 10.

O prazo para matricularse, a través dun formulario on-line, en un dos proxectos ou no Obradoiro de Medios abrirase o vindeiro luns, día 8 de xuño. Toda a información sobre datas e condicións está publicada na web do Campus XuvenCiencia.

Programa e Xuventardes Lumieira

O Campus de Verán XuvenCiencia en Rede comezará o luns, 29 de xuño, coa apertura oficial das actividades e unhas sesións nas que o profesorado explicará as tarefas e comezará unha toma de datos que se prolongará durante toda a xornada do martes. Nos casos nos que coincidan varias persoas matriculadas na mesma localidade ou contorna, anímase aos xuvencientíficos a que formen pequenos grupos para o traballo de campo. O mércores será día de análise de resultados e o xoves, de preparación das comunicacións científicas en grupos. Xa o venres terá lugar a posta en común de resultados de todos os proxectos; unha charla interactiva do cineasta Oliver Laxe, sobre a súa aposta pola Montaña de Lugo, poñeralle o colofón ao Campus en Rede.

A A.D.C. Lumieira, colaboradora habitual nos anteriores Campus de Verán XuvenCiencia, preparará para esta edición en rede novas actividades colaborativas e de lecer, adaptadas á situación de distancia, ás que a rapazada matriculada se poderá sumar voluntariamente nos seráns. As Xuventardes Lúdicas Lumieira propoñen actividades individuais e/ou colectivas de tempo libre, deportivas, de exercicio físico, de lecer, na natureza… Os xogos e tarefas deseñados terán como obxectivo a interacción activa entre os/as asistentes e cumprirán o propósito de crear un espírito de comunidade, malia ao obrigado distanciamento social e a que cadaquén estea na súa localidade.

«Queremos tecer ligazóns para a investigación, que pode e debe facerse de xeito colaboractivo»

A coordinadora do grupo de innovación docente XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez, explica que antes de deseñar este programa, condicionado pola actual pandemia global de Covid-19, o peche das aulas e a alteración do calendario escolar, tiveron en conta as opinións do voluntariado, as familias e a rapazada. Logo de analizar as respostas dunha enquisa na que participou un cento longo de persoas, púxeronse en marcha estes proxectos. “Moitos insistían en que unha das mellores cousas do Campus de Verán XuvenCiencia son as amizades e o ambiente que se crea. Por iso a nosa proposta é En Rede: non é un seminario on-line máis, senón unha actividade que os convida a saír fóra, a coñecer a súa contorna e formar pequenos grupos en función da dispoñibilidade. Queremos tecer ligazóns para a investigación, que pode e debe facerse de xeito colaborativo e cos ollos ben abertos ao que temos máis preto de nós”, incide a coordinadora de XuvenCiencia.

O Campus de Verán XuvenCiencia en Rede realízase co apoio do Campus Terra da USC, a Deputación de Lugo, o grupo Aresa e a iniciativa Proxéctate en Galego do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

(Imaxe: Pikrepo)