Os escolares de Primaria axudarán a dar a coñecer a campaña de micromecenado e o proxecto de investigación liderado pola profesora do Campus de Lugo da USC e integrante do grupo de innovación docente Marta López Alonso

O grupo de innovación docente XuvenCiencia, do Campus de Lugo da Universidade de Santiago, súmase a Minerais contra o Cancro nunha acción divulgativa que lles propoñen aos escolares de Educación Primaria de todos os colexios públicos de Primaria do municipio de Lugo, de xeito que o propio alumnado se implique en dar a coñecer este proxecto de investigación concibido para mellorar a calidade de vida e o proceso de curación dos doentes oncolóxicos. Durante o mes de marzo, o alumnado destes centros estará chamado a elaborar carteis, deseños e propostas nos que se dea a coñecer tanto o proxecto Minerais contra o Cancro como a campaña de micromecenado que o acompaña.

Segundo explica a doutora en Veterinaria Marta López Alonso, profesora no Campus de Lugo da USC e a investigadora principal de Minerais contra o Cancro e tamén integrante de XuvenCiencia desde a súa fundación, esta proposta tivo o seu xermolo hai uns días na Praza de Abastos de Lugo. “Roberto, da Ferretería do Barrio, fíxonos a doazón duns petos para a recollida de fondos e pensamos que o xesto é tan bonito que queriamos facer algo á altura con eles”. É por ese motivo polo que desde Minerais contra o Cancro e XuvenCiencia vanse repartir estes petos polos colexios públicos de Lugo para que o alumnado os decore e personalice con elementos que fagan referencia ao proxecto.

Roberto, da Ferretería do Barrio da Praza de Abastos, fíxolle entrega a Marta López Alonso dos petos para decorar.
Actividade de formato libre

Asemade, se lles pide aos e ás estudantes de Primaria que contribúan coa súa creatividade a dar a coñecer tanto o proxecto como a campaña de micromecenado que o acompaña para recadar os fondos necesarios para levalo adiante como para implicar a poboación luguesa na doazón de mostras de sangue necesarias para desenvolver o estudo. Así, durante o mes de febreiro estarán convidados a elaborar carteis, deseños e outras solucións gráficas que sirvan para dar a coñecer Minerais contra o Cancro entre as súas familias e amizades. O formato da actividade será completamente libre e XuvenCiencia e Minerais contra o Cancro divulgarán despois os resultados a través das súas redes sociais.

Para implicar os e as escolares de Primaria dos colexios públicos de Lugo gravouse este pequeno vídeo explicativo:

Minerais contra o Cancro é un proxecto de ciencia social de carácter multidisciplinar no que participan o Campus de Lugo da Universidade de Santiago e o Hospital Universitario Lucus Augusti. O seu obxectivo consiste en estudar que papel desenvolven certos minerais (a súa presenza ou ausencia) na dieta das persoas na aparición de certo tipo de tumores e como poden axudar tanto no prognóstico como a afrontar a doenza. Minerais contra o Cantro ten aberta unha campaña de micromecenado para financiar a investigación na plataforma Precipita.org, da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

A infancia como axente da divulgación científica

Polo que respecta ao grupo de innovación docente XuvenCiencia, a súa coordinadora, a profesora da facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC Mercedes Novo Rodríguez, considera que esta colaboración con Minerais contra o Cancro nos colexios públicos de Lugo supón unha oportunidade para que o estudantado de Primaria coñeza a investigación que se está a facer na súa contorna, mais tamén para tratar no ámbito da escola asuntos tan relevantes como as doenzas e o cancro en particular, así como a importancia dunha alimentación equilibrada e saudable. Do mesmo xeito, a profesora Novo Rodríguez valora desta acción conxunta a novidade de converter os nenos e nenas de entre seis e doce anos en axentes da divulgación científica e seren eles os protagonistas á hora de transmitir este tipo de información tanto na súa contorna como nas súas familias.

 

Máis recursos desta acción:

Descrición do proxecto na web da Universidade de Santiago

Campaña de micromecenado na plataforma Precipita.org de FECYT do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades

Formulario de colaboración para a doazón de mostras de sangue

Documento de instrucións para o profesorado de Primaria