Micorrizas e (micro)enxertos,
ferramentas da
produción vexetal

Na produción vexetal actual, coñecemento tradicional e tecnoloxía viaxan da man.
Dous bos exemplos desta realidade son as técnicas de micorrización controlada das árbores e o microenxerto in vitro.

Que é una micorriza? Cal é a súa función? Como se forma? Podemos nós controlar o proceso?

Que é un enxerto? Como se fai un microenxerto? Que utilidades pode ter?

Microenxertos

O enxerto como sistema de propagación das árbores

O enxerto constitúe dende sempre unha forma tradicional de multiplicar variedades seleccionadas de moitas árbores, como as cerdeiras ou os castiñeiros, tomando porcións delas para usalas como “pugas”, que se unirán a un “padrón” ou “portaenxertos”, que é o que lle proporcionará as raíces.

Mediante o enxerto póñense en contacto os tecidos do cambium de puga e padrón, que se unen mediante conexións vasculares, formando unha única planta.

A puga desenvólvese para formar a copa, e seguirá expresando as características polas que foi seleccionada (por exemplo, producindo froitos de boa calidade), e o padrón achegará o sistema radical, que proporcionará auga e nutrientes e, nalgúns casos, protección contra a infección por microorganismos infecciosos que penetran a través das raíces.

O microenxerto

Hoxe en día, a biotecnoloxía permite facer os enxertos mediante o cultivo in vitro, é dicir, con pugas e padróns de moi pequeno tamaño que medran en tubos de ensaio: é a técnica do microenxerto.

Os usos do microenxerto

Producir gran cantidade de árbores enxertadas en calquera época do ano: pugas e padróns están sempre dispoñibles e nas condicións adecuadas para seren enxertados.

Usar padróns que protexen a árbore de doenzas: no noso Obradoiro, facemos microenxertos de castiñeiro, usando como “micropugas” broteciños cultivados in vitro de variedades seleccionadas de castiñeiro e os microenxertamos sobre padróns
in vitro, que son clons híbridos de castiñeiro, resistentes á doenza da “tinta”, causada por un microorganismo chamado Phytophthora cinnamomi.

Curar árbores infectadas por virus: se tomamos fragmentos moi pequenos (meristemas de menos de 1 mm) das xemas dunha árbore infectada por un virus e os microenxertamos sobre un padrón san, podemos conseguir eliminar ese virus.

Por que?: Porque ese meristema, contido na xema, adoita estar libre de partículas víricas.

Micorrizas

Que son as micorrizas?

As micorrizas son raíces modificadas formadas pola unión de raíces finas das plantas verdes e fungos altamente especializados que viven nelas.

Hai varios tipos de micorrizas. Algunhas, por exemplo, viven nas raíces das leitugas, outras nas orquídeas e outras nas plantas leñosas. Todas teñen unha extensa rede de filamentos chamados hifas que exploran o solo en busca de nutrientes que son trasladados ata as raíces onde a planta pode almacenalos ou consumilos. A parte visible máis coñecida dalgunhas micorrizas son os cogomelos.

Beneficios das micorrizas

Podemos aproveitar estas vantaxes nas nosas plantacións xa que incrementan a resistencia ao transplante e a velocidade de crecemento e reduce o uso de fertilizantes e tratamentos fitosanitarios. Ademais, será máis sinxelo colonizar solos degradados, e mesmo podemos producir cogomelos comestibles.

Como micorrizar unha planta

Aínda que a micorrización se produce de forma natural, na produción vexetal interésanos poder controlar o proceso para introducir o fungo máis conveniente en cada caso.

Para micorrizar unha planta precisamos poñer as raíces susceptibles en contacto con formas infectivas do fungo (esporas, micelio) ou con algún axente que as conteña (solo, plantas infectadas, anacos de raíces micorrizadas, inóculo en medios de cultivo líquido ou sólido). Se o facemos ben, a natureza fará o resto, producindo a unión entre fungo e planta e orixinando a micorriza, con todas as vantaxes que esta proporciona.