logo DNA-Meat

O kit  DNA-MEAT ‘Ensaio molecular de trazabilidade animal’ (MEAT: Molecular  Essay  for Animal  Traceability) pretende introducirlles as técnicas básicas rutineiras dun laboratorio de bioloxía molecular aos estudantes de secundaria.

As técnicas propostas a realizar son:

  1. extracción de ADN
  2. amplificación de fragmentos xenómicos de interese mediante a reacción en cadea da polimerasa (PCR)
  3. detección da amplificación de PCR mediante fluorescencia

 

Grupo de profesorado: Bioloxía. Área responsable na USC: Xenética.

Mostras de carnes en tubos eppendorf
Tinguidura de produtos de PCR utilizando os primers especie específicos de porco mediante un colorante fluorescente. A fluorescencia indica a presenza de ADN de dobre cadea. (C: ADN porco, T: ADN tenreira, M: mestura ADN porco e tenreira; MQ: Auga)

O obxectivo do kit é a identificación da composición de produtos cárnicos manufacturados (p.e. hamburguesas, carnes moídas) co fin de poder detectar posibles fraudes alimentarias. Os estudantes adquirirán coñecementos tanto para o traballo nun laboratorio molecular como da utilidade das técnicas moleculares para resolver problemas de interese na sociedade como é a trazabilidade alimentaria.

O kit desenvolverase durante o presente proxecto ‘XuvenCiencia. Fago, logo aprendo que conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Neste proxecto, créase unha ferramenta molecular que permita a identificación da presenza de dúas das principais carnes consumidas en Galicia: tenreira e porco. Deseñaranse parellas de cebadores (primers) especie- específicos sobre marcadores de ADN mitocondrial (ADNmt), que producirán un produto de amplificación na especie desexada pero non na outra especie. Ademais, crearase unha ficha de instrucións do kit que constará dunha breve introdución ás técnicas moleculares, o obxectivo da actividade, os diferentes protocolos de laboratorio e a descrición dos resultados esperados.

Os kits DNAMeat contarán con todo o material necesario para a realización das tres actividades propostas, incluíndo mostras problema e controis positivos de ADN. Dado que os centros educativos non adoitan dispoñer de termocicladores, a PCR realizarase de forma manual, utilizando baños a diferentes temperaturas e cronómetros para o control dos tempos.

Coa colaboración da
FECYT

(DNA-Icon from www.flaticon.com, Test-tube image from https://moleculartestinglabs.com/loading-dna-samples-for-pcr/)