P02 Análises clínicas: Que me pasa, doutora?

Obxectivo
Coñecer o valor dos métodos exploratorios, de diagnóstico por imaxe e das análises clínicas como ferramentas para valorar o estado de saúde dos animais e o diagnóstico das enfermidades.
Lugar de realización
Granxa gando vacún / Hospital Veterinario Rof Codina / Laboratorio de Patoloxía Xeral e Propedéutica Clínica
Descrición
Neste proxecto veremos como se extrae sangue en pequenos (cans) e grandes animais (vacas) e tamén recolleremos mostras de urina empregando técnicas de sondaxe. Para conseguilo faremos unha visita a unha granxa de vacún e así tamén poderemos valorar o estado de saúde das vacas. Tamén pasaremos consulta no hospital veterinario Rof Codina para avaliar o estado dos cans e gatos hospitalizados e faremos as probas diagnósticas necesarias para saber que lles pasa.  
Unha vez recollidas as mostras, veremos como se conservan e analizan nun laboratorio. En canto ao sangue, determinaremos se o animal presenta unha anemia e faremos un frotis sanguíneo para ver as distintas alteracións morfolóxicas coas que nos podemos atopar nun animal enfermo; o sangue dos mamíferos é moi diferente ao das aves e os réptiles e veremos como diferencialos. Aprenderemos a obter soro ou plasma sanguíneo para facer estudos bioquímicos (ex. glicosa, colesterol, urea, etc) empregando técnicas colorimétricas. Coa urina faremos unha tira de diagnóstico rápido e a continuación un sedimento urinario; imos ter incluso a oportunidade de facer un sedimento da vosa propia urina e analizar as diferenzas que presenta con outras especies animais (segundo coman herba ou carne a urina é moi distinta!)
Palabras chave
Veterinaria; análises clínicas; saúde; diagnóstico