A Maker Faire Galicia celebrada este verán na Cidade da Cultura premiou o grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC polos seus kits de experimentación para seren usados en institutos e colexios.

O labor de divulgación científica e técnica que se desenvolve a través do grupo de innovación docente do Campus de Lugo XuvenCiencia e tamén desde a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC sumou este verán un novo recoñecemento do colectivo ‘maker’ na última edicion da Maker Faire Galicia. Trátase do evento de referencia do movemento ‘maker’, celebrado a comezos de xuño na compostelá Cidade da Cultura, un escenario no que ducias de creadores vinculados a universidades, centros educativos, empresas… presentaron cadanseus proxectos, propostas e achados innovadores susceptibles de aproveitamento por parte das industrias e pola sociedade en xeral, pero tamén con múltiples aplicacións no ámbito educativo.

Os kits desenvolvidos polo grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia, un total de sete dispositivos que lles permiten aos usuarios achegarse á investigación a través da experimentación (Animal CSI, AquaLab, Fotometrix, DNAMit, VitroPlant, Photometrix, RescueMe…) en diferentes disciplinas científicas, mereceron o maior dos recoñecementos dos participantes e organizadores da Maker Faire Galicia.

Alén dos distintos proxectos presentados nesta cita ‘maker’, os diferentes kits XuvenCiencia permitíronlles a ducias de docentes e estudantes preuniversitarios mergullárense nas propiedades da luz e nos efectos da refracción, medir as proteínas do leite de xeito sinxelo, descubrir as propiedades e prestacións que ofrece a fibra ou diferenciar o aceite de oliva virxe do refirnado a través de técnicas de fluorescencia, segundo comenta o profesor e investigador do grupo XuvenCiencia Wajih Al-Soufi.

Este investigador da USC salientou asemade o cometido protagonista acadado polo Campus de Lugo na última edición da Maker Faire Galicia. A vocación ‘maker’ de XuvenCiencia pode aprezarse igualmente nas actividades permanentes de formación de profesorado e para as aulas de secundaria, así como en obradoiros desdenvolvidos en colexios e institutos e, sobre todo, no Campus de Verán XuvenCiencia, que vén de celebrar a súa décima edición neste 2022.

A Maker Faire Galicia premiou, asemade, outras das iniciativas de divulgación científica e técnica achegadas por profesores da USC na EPS de Enxeñaría de Lugo como Enrique Comesaña, Carlos Núñez ou, entre outros, Roberto Iglesias. Estes docentes compartiron cos centenares de estudantes preuniversitarios así como co resto do público achegado ata o Gaiás modelos de larinxe fabricados con impresoras 3D, simuladores de terremotos ou robots programados para desenvolver diversas tarefas e habilidades.

Os kits DNA-Meat e Vitroplant de XuvenCiencia.
Unha demostración co kit Photonics Explorer.
Mostras de fluorescencia.
O monitorado realizou experimentos sobre o poder de comunicación da luz.
Profesorado da EPSE do Campus de Lugo desenvolveu demostracións de robótica.
Unha monitora explica os diferentes kits de XuvenCiencia a persoas asistentes.
Detalle do expositor de XuvenCiencia na Maker Faire da Cidade da Cultura.
Un dos robots da EPSE do Campus de Lugo da USC.