Case un cento de adolescentes coñecerán investigacións punteiras do Campus de Lugo da USC da man de XuvenCiencia

O Campus de Verán celebra do 3 ao 9 de xullo a súa décima edición con 16 proxectos, 13 obradoiros, concursos e actividades de lecer

O Campus de Verán XuvenCiencia regresa ao Campus Terra da Universidade de Santiago do 3 ao 9 de xullo, cunha edición concibida para festexar o décimo aniversario desta proposta organizada polo grupo de innovación docente XuvenCiencia da USC e inspirada polas universidades para a infancia e para a mocidade da Europa central e do norte. Case un cento de alumnos poderán participar nunha programación con 16 proxectos, 13 obradoiros, concursos e decenas de actividades de lecer baixo a premisa de que teñan a oportunidade de mergullarse nalgunhas das liñas de investigación máis punteiras que están en marcha na actualidade no Campus de Lugo da USC.

TIRAC (Técnicas Innovadoras para a Redución de Antibióticos en Cunicultura). Marta López Alonso, profesora de Veterinaria, lidera este proxecto que estuda o emprego de algas para mellorar a saúde dos coellos de cebo, de xeito que se poida reducir o uso de antibióticos nas granxas. Así, mellórase a saúde animal e tamén a saúde humana. Participan universidades e entidades das comunidades autónomas de Galicia, Madrid e Navarra. Pola parte galega, ademais da USC integran o grupo operativo supraautonómico —que vén de recibir unha subvención de preto de medio millón de euros do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e do Ministerio de Agricultura— Feuga (Fundación Empresa-Universidade Galega), a asociación de cunicultores Progacun e a comercializadora de algas Portomuíños. Terán a oportunidade de coñecer esta liña de investigación as xuvencientíficas/os dos proxectos Análises clínicas: que me pasa, doutora? e Animal CSI: realidade ou ficción.

A delincuencia común en Lugo no franquismo. Tamara López Fernández ten un contrato predoutoral da Xunta para a realización dunha tese dentro do programa de Estudos Culturais do Campus de Lugo da USC e no ámbito da historia contemporánea. Pertence ao grupo Histagra e a súa directora de tese é a profesora Ana Cabana Iglesia. Esta investigación de doutoramento aborda a delincuencia común durante o período comprendido entre 1945 e 1960 a partir dos sumarios e sentencias incoados. Trátase de furtos, roubos, homicidios e Tamara López ten aberta unha liña de traballo que pon o foco na historia de xénero durante o franquismo, máis especificamente nun delito e práctica pouco investigada como foi o aborto. O alumnado do proxecto Facer ciencia coas letras do Campus XuvenCiencia trasladarase ao Arquivo Histórico Provincial, onde se custodian os documentos que emprega esta doutoranda para a súa tese.

Preservación de flora endémica en situación de risco. O traballo que realizará dentro duns días o alumnado do proxecto Árbores en tubo de ensaio do Campus de Verán #XuvenCiencia2022 incluirá o cultivo in vitro de Centaurea ultreiae Silva-Pando (Compositae). Trátase dunha especie protexida, endémica dunha pequena área de Carballo e Coristanco. A próxima construción dun parque eólico que afecta a súa área de distribución obrigou ao desenvolvemento dun plan para a conservación da especie, no que participan investigadores/as do grupo Sistemas Silvopastorais da USC, do que forma parte o profesor da EPSE Juan Luis Fernández Lorenzo. Deste xeito, as nosas xuvencientíficas/os poderán mergullarse no Plan e programa de reforzo das poboacións da especie Centaurea ultreiae Silva-Pando dentro do ámbito de ocupación do parque eólico de Bustelo.

Desenvolvemento de dispositivos para a detección sinxela de covid. Wajih Al-Soufi lidera un equipo interdisciplinar do Campus de Lugo da USC que participa no proxecto Nanofluidetec, financiado pola GAIN da Xunta, con AMSBiopharma e BFlow. Este grupo de traballo aborda o desenvolvemento de aparellos que poidan detectar o covid con probas máis sinxelas e sen ter que levar as mostras a un laboratorio, como sucede cos dispositivos domésticos para medir a glicosa. O profesor Wajih Al-Soufi pertence ao do grupo de investigación Química Biofísica, Fotofísica e Espectroscopia da USC, ao igual que Mercedes Novo. Ambos os dous son profesores na facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC. Con eles integran este proxecto Miguel Ángel González García, profesor da EPSE e responsable do laboratorio de Electrotecnia e Automatización, e Enrique Comesaña, membro do grupo de Arquitectura de Computadores do Departamento de Electrónica e Computación. No Campus XuvenCiencia 2022, o alumnado dos proxectos AquaLab. Sistema de monitorización ambiental con arduíno, Impresión 3D. Converte unha idea en realidade e Controla e constrúe robots! mergullaranse na investigación de Nanofluidetec.

As novas técnicas do relato para a xestión cultural. O Campus de Lugo da USC vén de implantar o primeiro grao en Xestión Cultural de Galicia. A profesora Carme Silva, do grupo FILGA de Filoloxía, encárgase de aprenderlles aos novos xestores culturais como contar/recontar e crear/recrear as historias. A súa experiencia súmase á investigación doutoral de Tatiana Fernández, do grupo Iacobus de Historia da Arte, sobre as estratexias de dixitalización de museos dentro do paradigma da nova museística. O alumnado do proxecto do Campus XuvenCiencia Cultura accesible a golpe de clic traballará a partir dun conxunto de pinturas do Museo Provincial de Lugo, onde terá lugar esta actividade.

PORTOS. Autosuficiencia enerxética nos portos de Europa. O proxecto europeo PORTOS (Ports Towards Energy Self-Sufficiency) ten por obxectivo avaliar, desenvolver e promocionar o uso integrado de recursos enerxéticos renovables en portos, especialmente enerxías renovables mariñas, para así acadar a súa autosuficiencia enerxética, establecendo unha folla de ruta cara un sector máis competitivo. Nesta investigación participa a área de Enxeñaría Hidráulica da EPSE do Campus de Lugo, a carón de 17 institucións e centros de I+D+i máis de Reino Unido, Francia, Irlanda, Portugal e España. O alumnado do Campus XuvenCiencia que participe nos obradoiros da XuvenFeira do martes e o mércores á tarde coñecerán unha canle de ondas desenvolvida no Campus de Lugo no marco deste proxecto europeo PORTOS.