Cienciamos contos no colexio Paradai de Lugo

Unha ducia de investigadoras de XuvenCiencia e AgroMar, do Campus de Lugo da USC, desenvolveron por primeira vez en Galicia obradoiros baseados nunha iniciativa promovida pola Sociedad de Investigadores Españoles en el Reino Unido. As actividades formaron parte da programación do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia

Por: MVI / XuvenCiencia

Unha das últimas actividades presenciais que fixéramos desde XuvenCiencia antes de se decretar o estado de alarma pola pandemia de Covid-19 fora a celebración do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia no colexio público Paradai de Lugo, en febreiro de 2020. Non sabedes o especial que resultou para nós regresar dous anos despois a este centro escolar de Lugo e, ademais, facelo na compaña de AgroMar, a asociación de investigador@s do Campus de Lugo, e da man da iniciativa ‘Ciencia-me un cuento’, promovida pola Sociedad de Investigadores Españoles en el Reino Unido, co apoio da Fundación Lilly.

 

Acto de apertura de ‘Ciencia-me un cuento’ no colexio Paradai.

 

Unha ducia de investigadoras do Campus de Lugo da Universidade de Santiago, integrantes de XuvenCiencia e de AgroMar, foron as encargadas de deseñar e poñer en marcha tres obradoiros baseados en outros tantos dos contos incluídos en ‘Ciencia-me un cuento’, na que foi a presentación en Galicia desta proposta que nace dun certame de relatos que foron despois impresos nun libro en edición bilingüe castelán-inglés, tanto en formato físico como nunha versión dixital que pode descargarse de balde nesta ligazón.

 

Mercedes Novo, a coordinadora de XuvenCiencia (na imaxe, á dereita), amosa o libro impreso de ‘Ciencia-me un cuento’ diante das autoridades asistentes á presentación.
A capa de ‘Ciencia-me un cuento’, obra da ilustradora galega Blanca Millán.

No traballo previo contaron con toda a colaboración de María Pin Nó, cofundadora de ‘Ciencia-me un cuento’, doutora en Química pola Universidade de Liverpool e que actualmente traballa desenvolvendo filtros solares biobasados, e de Paula Rodríguez Villamayor, membro de XuvenCiencia e da organización de ‘Ciencia-me un cuento’ e investigadora predoutoral da área de Xenética do Campus de Lugo da USC, que está a realizar unha estancia no Reino Unido grazas a unha prestixiosa bolsa da European Molecular Biology Organization.

 

Mitose celular, cultivos de bacterias e vacinas

Para o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia no CEIP Paradai, escolléronse tres dos relatos de ‘Ciencia-me un cuento’, que lles foron narrados ao alumnado, que seguidamente participou nun obradoiro relacionado coa disciplina ou os contidos desenvolvidos no conto. As actividades foron impartidas por integrantes de AgroMar, nunha nova colaboración desta asociación de persoal investigador do Campus Terra con XuvenCiencia.

 

Era unha vez unha célula chamada Celia

Os e as estudantes de quinto e sexto de Primaria achegáronse á mitose celular a partir do conto Una hermana para la célula Celia.

“Era unha vez unha célula chamada Celia. Celia vivía nun tubo de cristal dentro dun laboratorio. Era moi feliz porque alí podía facer o que máis lle gustaba no mundo: nadar”.

Así comeza o relato de Ana Isabel Rodríguez que acadou o segundo premio na categoría de lingua castelá no certame de ‘Ciencia-me un cuento’ de 2018 e que foi ilustrado por Massiel Cepeda Moreno. Marta López Alonso e Nerea Gandoy Fieiras, investigadoras da facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC, foron as encargadas de levar adiante as actividades baseadas na historia de Unha hermana para la célula Celia.

 

Ilustración do conto ‘Una hermana para la célula Celia’, escrito por Ana Isabel Rodríguez. Massiel Cepeda Molero.
A investigadora Marta López Alonso, durante un dos seus obadoiros con alumnado dos cursos quinto e sexto de Primaria.
Nerea Gandoy, cun dos seus grupos.

 

Ola, señora E. coli

A proposta escollida para os cursos terceiro e cuarto estivo relacionada cos cultivos de bacterias, da man do conto ¡Hola, señora E. coli!, escrito por Isabel Murillo Cabeza e merecedor do terceiro premio na categoría de español na edición de 2018 do certame ‘Ciencia-me un cuento’ da Sociedad de Investigadores Españoles en el Reino Unido. As ilustracións son obra de Beatriz Olmo Castel. A historia comeza así:

“Ola! Chámome Hannah e teño sete anos. Miña mamá é científica e traballa a investigar a vida duns minúsculos seres chamados microbios”.

María Villa López, do departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais, e Inés Martínez Sambade, da área de Xenética, ocupáronse de argallar unha actividade ligada ao conto de Hannah e tamén de facerlle ver ao alumnado cultivos de bacterias baixo o microscopio.

 

Hannah é a protagonista de ‘¡Hola, señora E. coli!’, un conto de Isabel Murillo Cabeza con ilustracións de Beatriz Olmo Castel.
A mesa de laboratorio preparada para facer os experimentos e coñecer máis de preto as bacterias.
O alumnado de terceiro e cuarto de Primaria observou as bacterias baixo o microscopio.
Un microscopio como o que ten a mamá de Hannah no seu laboratorio.

 

O único medo de Maite

Finalmente, para o alumnado dos primeiros cursos de Primaria propúxose un xogo de roles baseado no conto Los caballeros de la mesa viruela, que lles serviu para entender o funcionamento das vacinas neste contexto no que as crianzas menores de 12 anos están a ser inmunizadas contra a Covid. Este relato, gañador do terceiro premio na categoría de español na edición de 2020 de ‘Ciencia-me un cuento’, é obra de Paula Mariel Liveratore e está ilustrado por Vanina Ahumada. Comeza así:

“Maite era unha nena moi atenta e nada medorenta que gozaba moito das historias que seu avó lle contaba á hora da soneca. Porén, Maite tiña unha febleza: choraba de arrepíos cada vez que ía á pediatra”.

Ana Manuela de Azevedo, da Área de Ciencias Clínicas Veterinarias do Campus de Lugo da USC, e Lara Rouco Méndez, investigadora da facultade de Ciencias, foron as directoras do xogo baseado no relato de Maite e o seu avó que desenvolveron os nenos e nenas de primeiro e segundo de Primaria do Paradai.

 

Ilustración de ‘Los caballeros de la mesa viruela’, un conto de Paula Liveratore con debuxos de Vanina Ahumada.
Cabaleiras da mesa varíola dispostas a xogar.
No medio da batalla campal.

 

Un mundo de cores

Tamén o alumnado de infantil do CEIP Paradai participou desta actividade proposta por XuvenCiencia e AgroMar para o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia con experimentos sobre a cor adaptados para esta etapa escolar, que foron impartidos por Mercedes Novo Rodríguez, PDI do departamento de Química Física e coordinadora de XuvenCiencia, e por Stella Hernández Faria de Moraes, estudante do último curso d grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais.

 

Stella Hernández, cun dos seus grupos de Infantil.
Un momento do experimento deseñado para o alumnado de 3 a 5 anos.

 

Tradución ao galego

A coordinadora de XuvenCiencia, a profesora do departamento de Química-Física da facultade de Ciencias da USC Mercedes Novo Rodríguez, considera que o proxecto ‘Ciencia-me un cuento’ encaixa “perfectamente” coa filosofía do grupo de innovación docente do Campus de Lugo no que se refire a trasladar a indagación científica ás aulas de ensino preuniversitario desde unha abordaxe tanxible e experimental.

Sobre este aspecto, Novo Rodríguez avanzou a intención de XuvenCiencia de buscar a colaboración da Sociedad de Científicos Españoles en el Reino Unido e do Servizo de Normalización Lingüística da USC para levar tamén os relatos de ‘Ciencia-me un cuento’ ao idioma galego, de xeito que poidan constituír, asemade, unha ferramenta de normalización lingüística para os centros escolares.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *