A carón da Rede Europea das Universidades para a Infancia (EUCU.NET), da que XuvenCiencia forma parte desde os inicios deste grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC, poñemos en marcha neste 2024 o primeiro Día Internacional das Universidades para a Infancia, establecido para a súa celebración no día 11 de abril. Desde XuvenCiencia facémolo co anuncio do XII Campus de Verán XuvenCiencia, a nosa actividade máis veterana e recoñecible, que terá lugar un ano máis na cidade de Lugo, do 30 de xuño ao 6 de xullo.
Grazas a actividades como o Campus de Verán XuvenCiencia, crianzas e adolescentes irrompen nas facultades e centros universitarios de todo o mundo cunha morea de preguntas e inzados de curiosidade, á espreita de poder coñeceren, tocaren e experimentaren nos laboratorios e aulas onde traballan os/as investigadoras que realizan os descubrimentos que moven o mundo. Tanto desde XuvenCiencia como desde a EUCU.NET consideramos que esta fascinación polo coñecemento na infancia, na que pode prender a faísca tanto dunha carreira futura como unha vida adulta con máis recursos e saberes, é un motivo de celebración. En XuvenCiencia facemos nosas as palabras da EUCU.NET: “Estamos certas de que o acceso sen trabas á ciencia e á investigación nunha idade temperá é máis necesario ca nunca. Queremos máis igualdade de oportunidades para o futuro da nosa infancia e adolescencia”.
Ciencia á Feira
As universidades para a infancia asumen a súa responsabilidade social e comunitaria e realizan unha importante achega nos eidos da educación e da ciencia. Sucede así, por exemplo, con proxectos como Ciencia á Feira (financiado pola FECYT), que neste cuadrimestre visitará centros escolares —de infantil, primaria e secundaria obrigatoria e postobrigatoria— dos municipios de Burela (26 de abril), Navia de Suarna (29 de abril), Muras (9 de maio), Mondoñedo (16 de maio) e A Pobra do Brollón (11 de xuño). Micorrizas e (micro)enxertos, ferramentas de produción vexetal é o nome da actividade que xa arrancou o pasado 4 de abril no CPI de Friol e que chegará tamén en forma de obradoiros á poboación adulta dos concellos anteriormente citados.
Única de Galicia e de España
O grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela é a única entidade galega e de todo o Estado español que forma parte da EUCU.NET, que está integrada por case oitenta centros de investigación e universidades de todo o mundo, desde Islandia a Exipto, Canadá, Brasil ou Australia, e que ten unha especial pegada en países do centro e do norte de Europa. A EUCU.NET entende que, como recoñecemento dos seus éxitos, as universidades para a infancia de todo o mundo “merecen un día de celebración pública internacional”, que queda fixado desde este ano 2024 na data do 11 de abril.
Preinscricións, desde o 3 de maio
O Campus de Verán XuvenCiencia chega neste verán de 2024 á súa duodécima edición, que regresa ás facultades, laboratorios, aulas e espazos do Campus de Lugo da USC entre o 30 de xuño e o 6 de xullo. Ofrécense nesta ocasión 95 prazas para alumnado de terceiro e cuarto cursos da ESO, BAC e ciclos medios de Formación Profesional, en réxime de pensión completa con aloxamento en residencias universitarias. O alumnado poderá iniciarse na investigación tanto nos eidos das ciencias naturais e da saúde como nos da enxeñaría, as ciencias sociais e as humanidades. O prazo para preinscribirse e reservar unha praza neste campamento científico, que nestes anos ten recibido xa milleiros de mozos/as de toda Galicia, España e Portugal, abre o vernes 3 de maio ás 15.30 horas na web de XuvenCiencia (https://xuvenciencia.org/campus/gl/).