Déixanos un dos nosos seareiros no Facebook de XuvenCiencia a seguinte cuestión:
“El virus mide entre 120 y 160 nanómetros de diámetro. Un microscopio electrónico tiene resolución para ver una imagen de una célula infectada con el virus. Esa imagen se la pasas a un robot que la compara con varios patrones y puede llegar a reconocer esa imagen. Yo tengo comparado imágenes byte a byte, pero se puede llegar a hacer bit a bit. Y la máquina te puede decir si está infectada de forma rápida sin gasto de ningún reactivo. Hay sistemas de reconocimiento de imágenes muy potentes, pero el peso de las imágenes es muy alto”.
O usuario propón detectar o coronavirus vía imaxes de microscopio electrónico en células de pacientes.
A suxestión é interesante. É certo que o coronavirus pode verse nun microscopio electrónico. Porén, como método rápido de detección o microscopio electrónico presenta varios inconvintes: detectar un virus neste tipo de dispositivos require dunha preparación previa da mostra que leva tempo e ten un custo. Ademais, non todas as células do doente están infectadas e o microscopio electrónico de transmisión (TEM, polas súas siglas en inglés) non é unha técnica que permita analizar un gran número de células de xeito paralelo para obter unha estatística da infección do doente.
Máis lenta e custosa
Por outra banda, non resulta doado distinguir o SARS-CoV-2 (o virus do coronavirus) doutros semellantes en imaxes de microscopia electrónica, feito que limita a especificidade do test. En resumo, sería unha técnica máis lenta e custosa que os tests xenéticos con PCR en máquinas robotizadas que son capaces de realizar centos de probas en paralelo.
A PCR é a técnica de diagnóstico que se vén empregando e segue a empregarse nos hospitais. É a mellor? É relativamente rápida: leva desenvolvela unhas cantas horas durante as cales poden seren analizadas un número considerable de mostras en paralelo. Asemade, presenta moi boa sensibilidade e especificidade porque detecta o material xenético do virus, o seu ARN.
Sen embargo, a técnica de diagnóstico máis rápida serían os así chamados tests rápidos. Trátase de tests serolóxicos con anticorpos (método directo) que se unen especificamente a un antíxeno (proteína da superficie) do coronavirus sempre e cando o SARS-CoV-2 estea presente na mostra. A lectura é moi doada e o resultado podería obterse en 15 ou 20 minutos.
Saber do alcance real da pandemia
Estes tests serán os que nos permitan coñecer a dimensión real desta pandemia. Axudarannos a detectar e illar as persoas positivas e as que , ao convivir con elas, deban gardar unha corentena.
Aínda con todo, será tamén preciso realizar un segundo tipo de test serolóxico (método indirecto) nas persoas que teñan dado negativo no test directo. Consistiría este método indirecto en empregar antíxenos purificados do coronavirus para detectar a presenza de anticorpos no sangue das persoas. Un positivo neste segundo test permitiríanos detectar as persoas que teñen padecido e sandado da doenza. Trátase de tests que comezarían a posibilitar, por fases, a incorporación da poboación á vida normal. Namentres, #QuedanaCasa.
Autores: Jesús Blanco Álvarez e Wajih Al-Soufi, profesores do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.
Referencias:
O coronavirus en imaxes de microscopía
En National Geographic
Comunidad Biológica
National Institute of Allergy and Infectious Diseases (NIAID), de Estados Unidos:
Imaxes en Flickr
Microscopía electrónica crioxénica
Información en GCiencia.com
A técnica da PCR
No Blog de XuvenCiencia