Homes, mulleres e STEM. Toma segunda: a vocación

Despois da ESO, as rapazas amosan moita menos incerteza cós rapaces á hora de decantarse por unha carreira profesional para o futuro. En Bacharelato, case a metade imaxínanse a si mesmas cun traballo no ámbito das ciencias, fronte ao 37,5% dos seus compañeiros

Por: Laila Al-Soufi Novo, Marta Veiga Izaguirre

Continuamos coa análise arredor da visión sobre as carreiras científicas na adolescencia e xénero que iniciamos coa entrega Homes e mulleres e STEM. Toma primeira: cuestións preliminares. Nesta segunda entrada abordamos a vocación e como na transición de ESO a BAC elas adoptan unha idea moito máis clara sobre que camiño queren tomar no seu futuro académico e profesional.

A ciencia como profesión, a enquisa respostada por case 700 alumnos de 31 centros educativos de toda Galicia, é unha adaptación da actividade do mesmo nome que se inclúe co kit Photonics Explorer de XuvenCiencia, desenvolvido inicialmente dentro do proxecto europeo Go Photon! Nesta nova versión que se elaborou no mes de febreiro, plasmada nun formulario de Microsoft Forms, trátase de obter respostas anónimas, nas que a persoa só ten que marcar o centro escolar, o curso que está a facer e se se identifica como un rapaz ou unha rapaza. A primeira cuestión despois destas tres iniciais é:

Imaxínaste a ti mesmo/a traballando no ámbito da ciencia nun futuro?

As opcións de resposta son tres:

-Si
-Non
-Aínda non o teño pensado

Nesta cuestión, no cómputo global obsérvase que a proporción de persoas que escollen ‘non’ como resposta é significativamente maior nos rapaces que nas rapazas. Esta diverxencia non só se mantén, senón que medra ao analizar polo miúdo en ESO e BAC: as alumnas de Bacharelato escollen moito menos a opción ‘non’ cós seus compañeiros varóns. Atópase no grupo de BAC diferenzas na proporción de cada resposta.

Como podemos interpretar estas respostas cando a literatura científica nos está a dicir que, xa desde os cinco ou seis anos de idade, as nenas interiorizan uns prexuízos de xénero que están nunha sociedade que asume que, talvez, elas non sexan válidas abondo para unha carreira científica ou tecnolóxica?

Os cursos e as escollas

Por unha banda, é preciso sinalar que a actividade está distribuída a través do profesorado de contacto de XuvenCiencia, que son na súa maior parte docentes de ciencias naturais, bioloxía e xeoloxía, física e química, tecnoloxía, ciencias ambientais, matemáticas ou clubs de ciencias, aínda que existe constancia de que, nalgún caso, o desenvolvemento de A ciencia como profesión correu tamén por conta do equipo directivo e das responsables de Igualdade dos centros. No sistema educativo español, o alumnado fai as primeiras escollas de materias que determinarán os seus itinerarios e carreiras profesionais xa en 4º de ESO. Con estes datos, facémonos á idea de que unha porcentaxe elevada dos mozos e mozas de 4º de ESO, 1º e 2º de BAC e todas as dos ciclos de FP que responderon esta enquisa están a cursar modalidades científicas ou tecnolóxicas.

Por outra banda, o curso do que, con diferenza, obtemos máis respostas é 3º de ESO, cando aínda o alumnado non se viu na obriga de comezar a definir as materias que o conducirán a unha ou outra carreira educativa e/ou profesional.

A incerteza descende en BAC

Observamos que, loxicamente, en Bacharelato descende a incerteza reflectida na resposta ‘aínda non o teño pensado’, pero podemos apreciar, así mesmo, que existen diferenzas importantes entre rapaces e rapazas: se ben en ESO elas recoñecen máis ca eles que non saben que han facer das súas vidas, para BAC xa o teñen moito máis claro.

Ao dar por certo que boa parte dos participantes na actividade de BAC e FP xa cursan liñas científico-experimentais ou tecnolóxicas, enténdese que elas realizan unha escolla vocacional e consciente e que eles, aínda que na súa maioría en ESO afirmaban que non se imaxinaban nun futuro a desenvolver un traballo no eido das ciencias, optan despois no ensino postobrigatorio por itinerarios científicos porque é o que se dá por feito que deben estudar.

Unha presión diferente sobre uns e outras

Os prexuízos e estereotipos de xénero poden funcionar aquí de xeito que as rapazas se permiten moito menos a si mesmas un tempo de procura, de ensaio e erro, xa que asumen que van ter que demostrar que son válidas e que están comprometidas ao cen por cento co que fan. No entanto, eles non perciben de igual xeito os atrancos do camiño: porque estes atrancos non son os mesmos para unhas e outros e porque, quizais de xeito inconsciente ao saber que elas han telo máis difícil, na contorna familiar, educativa, comunitaria e social exércese tamén unha presión diferente sobre os e as adolescentes.

 

Podes ler aquí a primeira entrega, Homes, mulleres e STEM. Toma primeira: cuestións preliminares.

 

(Imaxe de portada: See-ming Lee/Flickr)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *